La Voz de Galicia

Milleiros de persoas reclaman na rúa unha nova política para frear a situación de «emerxencia extrema» do galego

Galicia

MARIO BERAMENDI

Ana Pontón, portavoz do BNG, e José Ramón Gómez Besteiro, do PSdeG, apostan por volver ao Plan de Normalización Lingüística aprobado de xeito unánime polo Parlamento galego, que consideran relegado polo decreto de plurilingüismo da Xunta liderada por Feijoo

17 Nov 2024. Actualizado a las 14:34 h.

Milleiros de persoas concentráronse na mañá deste domingo en Santiago para reclamar un novo rumbo na política lingüística que sexa capaz de frear o declive do galego. Un idioma que, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, non sabe falar un terzo dos menores de 15 anos. Convocados pola plataforma Queremos Galego, os asistentes quixeron poñer de manifesto a situación de emerxencia extrema que atravesa a lingua pola súa perda de peso na comunicación, tanto a nivel social como institucional.

Ao acto, que encheu a compostelá praza da Quintana, asistiron Ana Pontón, portavoz do BNG e líder da oposición, e José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG. Ambos coincidiron na necesidade de recuperar o consenso lingüístico que había en Galicia antes do 2010, ano no que a Xunta presidida por Feijoo aprobou un controvertido decreto que reducía a presenza do galego nas aulas e que establecía, por exemplo, que matemáticas, física e química se impartisen en castelán.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, fixo un chamamento á esperanza, sinalando que cada vez que o pobo galego se mobilizou, dixo, a sociedade foi capaz de frear o declive e a perda de falantes. Porén, mostrou a súa desconfianza sobre o pacto proposto pola Xunta, dados os precedentes dos últimos 15 anos e advertiu de que a situación é grave.

Para reverter a difícil situación da lingua galega na sociedade, Maceira avanzou tres propostas: constituír plenarios de Queremos Galego en toda a comunidade galega, «reafirmarse no compromiso» da sociedade coa súa lingua, e convocar aos cidadáns a un novo acto o 23 de febreiro —Día de Rosalía de Castro— na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

A manifestación en favor do galego, en imaxes

«Só no 8 % dás escolas infantís das cidades a docencia en galego supón a metade do horario. O galego é o 1 % na oferta audiovisual; o 0,9 % nos xoguetes; e o 1 % dos expedientes xudiciais», advertiu o presidente da Mesa para exemplificar a ausencia dunha normalización lingüística real. 

Este domingo, cun acto de carácter lúdico e festivo, que contou coa participación de Xurxo Souto e coa actuación de Tanxugueiras, a plataforma quixo desmarcarse do formato clásico de manifestación, e chamar a atención sobre a situación do galego en Galicia a través do que deron un chamar una «asemblea aberta».

Durante a súa participación nese acto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que este domingo «é un día para reivindicar o orgullo de ter lingua propia», pero tamén «para denunciar que a lingua galega está nunha situación crítica». «Os quince anos de políticas galegófobas, de políticas contra o galego, están a poñer contra as cordas o futuro do noso idioma», dixo a líder nacionalista, aínda que recalcou que «é posible cambiar o rumbo se cambia a política que está a facer a Xunta, empezando por ese decreto da vergoña —o coñecido como decreto de plurilingüismo— que converteu ao galego nunha lingua de segunda».

PACO RODRÍGUEZ

A política nacionalista lembrou ao Goberno presidido por Alfonso Rueda que é máis necesario que nunca «aplicar o gran acordo ao redor da lingua que xa existe neste país, que é o Plan Xeral de Normalización Lingüística». 

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente nacional do PP e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e ao seu sucesor á fronte do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, de «levar ao galego á situación en que se atopa agora, como lingua minoritaria». O líder socialista propuxo unha alianza entre todos para cambiar a situación de emerxencia lingüística e facer que «o galego volva recobrar o impulso como unha lingua que nos una a todos a todas».


Comentar