La Voz de Galicia

A Xunta renova a súa sede electrónica cun novo deseño que facilita as buscas e as consultas dende o móbil

Galicia

Redacción La Voz

Hai unha aposta pola personalización dos servizos co novo apartado Para ti, que organiza a información por colectivos

18 Mar 2025. Actualizado a las 12:40 h.

A Xunta renova a súa sede electrónica para facela máis accesible, personalizada e proactiva. A nova versión da sede.xunta.gal parte da premisa de poñer as persoas no centro dos servizos dixitais e introduce unha serie de melloras para simplificar o acceso aos trámites, facilitar as buscas e a visualización dende calquera dispositivo móbil.

O novo portal conta cun deseño máis sinxelo para facilitar o acceso aos principais servizos da sede. Para simplificar as buscas, agora o buscador está sempre visible na parte superior da web e a barra de busca ofrece suxestións automáticas cunhas etiquetas máis claras, amplas e fáciles de ver. Tamén se melloraron aspectos na visualización en dispositivos móbiles, para facilitar ao máximo o acceso dende calquera canle.

Refórzase nesta nova versión da sede electrónica a personalización dos servizos coa creación do apartado Para ti, que permitirá o acceso á información de servizos dirixidos a colectivos específicos, como familias, mocidade, persoas desempregadas ou emprendedoras.

É un paso máis no proceso que está a abordar a Xunta para ofrecer servizos dixitais dende unha perspectiva multicanle, que abrangue a sede, a aplicación XuntaEU e as oficinas de asistencia á cidadanía, facendo especial fincapé na personalización dos servizos e na simplificación do acceso aos trámites.

O redeseño do portal da sede electrónica é a primeira fase dun proceso que terá continuidade en próximas fases coa diferenciación da carpeta persoal e a carpeta profesional que permitirá consultar de maneira separada os trámites de carácter persoal dos realizados como profesional, a simplificación da linguaxe que se emprega nos procedementos administrativos e servizos e o desenvolvemento de canles de asistencia virtual para apoiar e acompañar na consulta de información e na tramitación.

 

A sede electrónica da Xunta é a porta de entrada en internet aos trámites da Administración autonómica para a cidadanía e as empresas. Para ampliar o acceso aos servizos públicos dixitais, a finais do ano 2023, púxose en marcha a aplicación móbil corporativa XuntaEU (que conta hoxe con máis de 62.300 descargas), que permite, entre outras utilidades, a xestión da Chave365, a consulta dos expedientes recollidos na carpeta cidadá, as notificación administrativas ou as tarxetas virtuais acreditativas e certificados persoais xestionados e emitidos pola Xunta.


Comentar