La Voz de Galicia

Sempre O Gato

Grada de Río

Xosé R. Castro

«Se son baixo, saltarei máis alto», unha filosofía de vida

21 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A inscrición da placa que lle entregou o Celta resume mellor que nada a filosofía de vida de Sergio Álvarez Conde. «Se son baixo, saltarei máis alto». O longo de 17 anos no equipo vigués, nunca o tivo doado. Tivo que demostrar máis ca ninguén, esperar a súa oportunidade e deixar claro coas súas actuacións que estaba preparado. Formando case parte do mobiliario da Madroa (difícil de entender que tivese tempo para coñecer a Carla).

Pero O Gato é moito máis ca un futbolista, máis ca un xogador cun ascenso, con máis dun cento de partidos en Primeira, cunha semifinal de Europa League e dúas de Copa do Rei. Sergio é a honestidade e o traballo en grao superlativo, tamén o compromiso cunha entidade que o acolleu cando o tren estaba a punto de seguir de longo nos seus tempos do Arousa.

Tamén é compromiso fóra do campo. Co club, facendo mil esforzos que semella que non caeron en balde, pero tamén co seu xeito de pensar. Falando e defendendo o galego, unha lingua de non moito uso entre o seu gremio, e apostando pola cultura e as tradicións. Ata facer o vikingo.

E o máis importante, sen morrer de éxito coma moitos. Se o luns, o día de descanso, tocaba axudar na casa carretando esterco, alí estaba o porteiro que silenciou o Camp Nou botando unha man á familia. Con cambiar de luvas, xa estaba.

Vaise o Sergio porteiro e vaise coas honras que ten merecidas, pero o Celta sabe que ten que aproveitar todo o patrimonio que está dentro deses 179 centímetros de Afouteza. Mouriño ten razón, ponlle cara á palabra que define un club. Sempre O Gato.

La trayectoria de Sergio, en imágenes


Comentar