La Voz de Galicia

Músicos celtistas buscan clips de vídeos da afección para unha peza polo centenario

Grada de Río

MÍRIAM V. F. VIGO

Jairo Daponte encabeza un proxecto que esperan que vexa a luz o vindeiro 23 de agosto

12 Aug 2023. Actualizado a las 10:02 h.

Titúlase Fillos de Breogán e a intención é que vexa a luz o vindeiro 23 de agosto. Un grupo de músicos celtistas, con Jairo Daponte á fronte, reuniuse para crear unha peza coma homenaxe ao Celta polo seu centenario para a que buscan colaboración do conxunto da afección. En concreto, lanzaron un chamamento para poder obter clips e vídeo que poden ser de previas, viaxes, no estadio ou onde se queira, sen importar formato nin duración. «Os únicos criterios son emoción e celtismo», din nun texto dirixido á afección. Poden enviarse a jdapontecampos@gmail.con, preferiblemente antes do 19 antes, aínda que agradecen que sexa canto antes.

Daponte preséntase como socio do Celta de toda a vida, membro da peña Irmandiños 1923, mestre de Música en Primaria e integrante de varias bandas en Vigo como Dysnomia, Sans Soleil, Unliving Sin ou Abrigo. Súa é a idea desta peza que se atopa en plena gravación agora mesmo, polo que hai detalles que aínda prefire non dar. El compuxo o tema, mentres que da produción, da mezcla e do vídeo encárgase Héctor Rodríguez, que tocou con el en Unlibing Sin e é o líder de Lontreira.

Ademais, participa na parte musical o seu excompañeiro en Sans Soleil Lucas Roca. «As voces van a ser unha masculina e outra feminina tamén de bandas de Vigo», sinala. Prefire non revelar as súas identidades por non estar aínda gravadas -prevén facelo a próxima semana-. Serán en todo caso, cinco músicos con idades comprendidas entre os 22 e os 35 anos. Si detalla que el se encarga da guitarra e súmanse «frauta, da que se encarga Lucas; teclados, con Héctor, e percusión tanto tradicional coma moderna, así coma algún arranxo máis moderno».

CEDIDA

Daponte define a composición como «unha canción bastante clásica, pensada para ser moi cantable, que comeza de xeito máis ben relaxado e vai crecendo ata un final a coro buscando emular os cánticos do estadio. Na letra hai pequenas referencias a varios dos cánticos de Balaídos». No que se refire ao vídeo, debido á falta de tempo e medios, a idea é que consista neles «tocando o tema intercalado cos clips de vídeo» que están a solicitar á afección, mesmo algúns gravados por eles mesmos e algún detalle que poidan gravar a maiores.

No texto publicado este venres queren deixar ben claro que o seu proxecto «non busca competir con Oliveira dos cen anos nin con ningunha outra das cancións sobre o Celta que sairán». O único que pretenden é «unha homenaxe ao equipo de afeccionados e para afeccionados». Tamén deixan claro que non existe ánimo de lucro nin tampouco relación oficial co Celta.


Comentar