Carlos Domínguez, sobre o empate ante o Girona: «É un punto que serve para crecer»
Grada de Río
O central do Celta entende que hai que dar por bo este empate aínda que sempre queiran gañar
30 Sep 2024. Actualizado a las 10:42 h.
O central do Celta Carlos Domínguez resumiu o partido contra o Girona como un encontro entre «dous equipos que propoñen xogo». «Sabiamos que era un partido difícil, cun rival que xoga moi ben ao balón, coma nós. Na primeira parte, custou un pouco máis; no descanso, axustamos un par de cousas e puidemos conseguir un empate», sintetizaba o vigués. Partido de que na casa queren «gañar sempre» considera que «hai que dar o empate por bo, seguir adestrando e esforzándose para os seguintes» encontros.
No plano persoal, subliña que sempre intenta axudar ao equipo. «Esta era unha semana de tres partidos onde sabiamos que ía participar case todo o mundo. Intentei axudar ao equipo o máximo», afonda. A súa conclusión desde choque é que suman «un punto que serve para crecer» e que dá paso a «unha semana de máis traballo» na que toca «pensar no seguinte partido e intentar sumar de tres» en Las Palmas.
En canto ao celtismo, cualifícao Carlos de «incrible». «O que nos dá nestas dúas tempadas é unha forza incrible no campo. «Grazas a eles tamén podemos sacar os puntos que estamos sacando na casa, somos máis fortes. É un orgullo ter esta afección, que sigan apoiando, que nós imos dalo todo», comprométese.
Tamén se referiu aos 500 partidos de Iago Aspas e á sorte de compartir vestiario con el. «É un orgullo ter a Iago no equipo. É un xogador, a nivel mundial, do mellor que hai. Temos que aproveitalo tamén, sobre todo polos consellos que pode dar. Sempre é unha alegría xogar con el e espero que estea moitos anos máis con nós», concluía.