La Voz de Galicia

Damián Rodríguez: «Hai que quedar coas cousas positivas deste partido e mellorar as negativas»

Grada de Río

LA VOZ VIGO

No persoal, o centrocampista sentiuse cómodo os 90 minutos fronte ao Girona nun partido no que era novidade no equipo titular e no que sabía que «había que entregarse no campo»

30 Sep 2024. Actualizado a las 10:02 h.

O canteirán do Celta Damián Rodríguez valorou o empate fronte ao Girona como un encontro que lles deixa «moitas partes positivas e tamén algunhas negativas». «Temos que pensar en mellorar as negativas xa desde a seguinte semana. Hai que quedar coas positivas, sabiamos que o Girona era un equipazo de Champions con xogadores incribles e tamén temos que valorar iso».

No persoal, sentiuse «cómodo os 90 minutos» neste encontro. «É verdade que era un partido complicado pola presión que había que facer, sabiamos que había que correr moito, pero hai que entregarse no campo e estou contento», sinalaba nas súas declaracións aos medios do club tras un partido no que foi unha das novidades do once e completou os 90 minutos.

Preguntábaselle, así mesmo, pola afección. «Non teño palabras, eles sempre están aí. Desde aquí mándolles unha mensaxe de agradecemento. Sempre están, sexa o partido que sexa, e estamos agradecidos, sobre todo, polo ambiente que se vive en Balaidos todos os partidos», valoraba o centrocampista de Ponteareas.

Ademais, falou sobre Iago Aspas, que non deixa de «sorprenderlle» desde que Damián subiu ao primeiro equipo. «Pasan os anos e os partidos, pero el segue coa mesma ilusión e motivación. Como xogador, non son ninguén para dicir quen é. Esperemos que quede moitos anos máis».

Por último, referiuse ao compromiso da vindeira xornada fronte ao Las Palmas. «Sabemos que o sábado, na illa, será un partido moi complicado. Eles tamén teñen un gran equipo, grandes xogadores e dende mañá, a preparar o partido e, se pode ser, a polos tres puntos», finalizaba.

 

 


Comentar