La Voz de Galicia

Balaídos, escaparate cultural galego

Grada de Río

X. R. C. VIGO

O Celta aproveita o tirón do fútbol para facer da previa dos partidos un espazo de visibilidade para artistas e colectivos mesturando tradición e modernidade

13 Mar 2025. Actualizado a las 11:47 h.

Balaídos é unha festa máis aló do deporte. O estadio vigués converte as previas do partido do Celta nunca gran plataforma para a cultura galega, mesturando tradición e modernidade, dándolles cabida a artistas de renome, pero tamén a mostras ancestrais da cultura galega coma o Entroido. «Somos conscientes de que o fútbol é unha arma poderosísima, cunha chegada brutal a todo o mundo, e queremos utilizalo como escaparate», di Gael García, director de mercadotecnia, comunicación e estratexia dixital do club, para resumir a aposta.

Todo comezou na cabeza de Marián Mouriño. «É un dos principios que nos trasladou cando colleu a presidencia», sinala. Unha idea que se viu referendada polo himno do centenario, a xa célebre Oliveira dos cen anos, que leva a sinatura de C. Tangana. «O punto de inflexión foi o himno. Se falamos de combinar tradición e modernidade, creo que o himno é claro exemplo diso con C. Tangana, que é dos máis escoitados en Spotify, pero o himno é tradición galega 100 %», analiza Yago Grela Ojea, profesor de comunicación na Universitat Oberta de Cataluña.

 

A peza de centenario invitou ao Celta a reflexionar sobre a importancia de apostar «polas raíces e a cultura galegas como un valor diferencial ante o resto dos equipos e como mellor vía para conecta coa afección, tomando a remuda dos principios fundacionais do Celta», explica García. Esa aposta converteuse nunha fiestra para, a través do fútbol, poñer en valor a artistas, colectivos musicais e tradicións como o Entroido. Por esa vía, leva pisado Balaídos xente tan recoñecida no mundo do espectáculo como Abraham Cupeiro e Fillas de Cassandra, pero tamén colectivos como a Rondalla do Torroso ou, a pasada fin de semana, unha representación dos cigarróns de Verín e outra dos fulións e boteiros de Viana do Bolo.

O caso do Celta, segundo Yago Grela, non ten correspondencia no fútbol español: «Hai equipos como Athletic, Barça ou Real Sociedade que fixeron bastante mercadotecnia sobre as súas orixes e raíces, pero o caso do Celta é pioneiro porque está collendo os símbolos galegos e iso o diferenza do resto», considerando o profesor que a aposta celeste é máis propia de ligas como a NBA, pero que neste caso, consegue chegar á xente a través dos símbolos galegos. «Creo que a combinación que está facendo é moi boa. Este tipo de apostas vese moito en política, onde se utiliza a comunicación emocional de chegar máis ao corazón das persoas a través dos símbolos e das raíces, pero no deporte non hai grandes exemplos. Creo que é todo un acerto da presidenta e o seu equipo», valora Grela.

No Celta, que tamén deu un xiro radical para apostar polo galego nas súas comunicacións, redes sociais e ata declaracións de xogadores, evitan as grandes campañas de mercadotecnia e sitúan a aposta no plano emocional. «Non temos un excel nin unha xuntanza onde poñemos enriba da mesa os nomes dos artística, isto é máis natural», analiza Gael García. Todo parte do que viven os integrantes do seu departamento no día a día, de aproveitar as oportunidades —«o de Abraham Cupeiro xurdiu dun xeito espontáneo»—, partindo dunha premisa: «Se pensas que algo é importante para nós, estaría moi ben poder amosalo ao resto mundo».

Iso si, «unha vez que matizas a idea, é cando te remangas e se profesionaliza todo». Iso significa pensar no día máis indicado para levar o espectáculo en cuestión a Balaídos, como presentalo, ter en conta o rival e as circunstancias que rodean o partido... sen deixar ningún cabo solto.

 

O resultado non só é o recoñecemento que o Celta está recibindo pola súa aposta alén dos seu territorio natural, senón tamén o ambiente de Balaídos, con cheos sistemáticos, máis vendas e incluso nos resultados deportivos como local. «É unha barbaridade que un equipo coma o Celta, que leva anos sufrindo, sexa quen de ter un fortín na casa. Estou 100 % seguro de que está relacionado con esta estratexia», comenta Yago Grela, que engade que o máis importante é que o club está sementando de paso para o seu futuro: «Para min, a clave desta estratexia está a longo prazo. Tamén é importante facer canteira de afección e estas accións e este sentimento de pertenza fan que os máis pequenos sintan ao equipo, e no fútbol, unha vez que es dun equipo, o es para toda a vida».


Comentar