Un infiltrado entre os Carcamáns
Zona Celeste
O programa humorístico 'Buscando Ardebullo' estreouse visitando á peña celtista da Illa de Arousa cun sketch que aborda a rivalidade entre Celta e Deportivo
24 Feb 2016. Actualizado a las 17:48 h.
«Se nos temos que tirar algo celtistas e deportivistas, que sexa cervexa». Con esa filosofía resume o presidente de Carcamáns, Bele Dios, a participación da peña máis multitudinaria do Celta no programa televisivo Buscando Ardebullo, cos humoristas Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán. Deportivistas recoñecidos, decidiron estrear o seu novo espazo -no que visitarán un municipio cada semana- na Illa e gravando un sketch no que colaboraron o propio Bele e outros membros da peña.
Pereiro, Touriñán e o pai do primeiro van dar a un bar, Taberna dos Baláns, que resulta ser un establecemento 100 % celtista que, ademais, funciona como sede da peña. «Fomos dar á peña celtista máis grande do mundo. Gústanos o risco», introducen os cómicos o vídeo. A partir de aí, Pereiro vese en apuros para pasar por siareiro do conxunto celeste e mesmo apela a Arsenio Iglesias para saír do paso - «mira que chamamos ao malo da peña», chegan a dicirlle-, pero acaba sendo descuberto e, pese a iso, entoando a Rianxeira como un Carcamán máis.
Este Bele ten madeira de actor??
Posted by Peña Carcamäns on Miércoles, 24 de febrero de 2016
«Gravouse hai dous meses e foi todo a través de Carlos Blanco, veciño meu e membro da peña», comenta Bele en referencia ao tamén actor. Desde Carcamáns aceptaron deseguido a proposta. «Ante todo está o respecto á xente, e a nós todo o que sexa cachondeo... Prestámonos encantados, o fútbol nunca ten que ser un problema», explica xa deixando á marxe o ton cómico da iniciativa. «A rivalidade ten que ser sá, esperamos que isto contribúa a que algún día poidamos vivir derbis parecidos aos vascos», reflexiona.
A gravación foi a cousa máis sinxela do mundo, asegura Bele. Non tiveron que repetir nin unha soa toma. «Fixémolo con toda a naturalidade do mundo, coma se non houbese cámaras. Foi un día pola noite e houbo que avisar a uns cantos para que viñeran coas camisetas, pero sen problema», lembra. Ademais, préstanse sempre a todo o que teña que ver coa promoción da súa vila, A Illa. «Foi unha experiencia moi bonita, e tamén serve para dar a coñecer a nosa terra. Son cousas para as que tamén podemos aproveitar o deporte», sinala.
Hoxe na Illa o sketch era tema de conversación. «Quedou unha curta simpática, penso que a todo o mundo lle gustou. Xa teñen vido outras veces cámaras de televisión cando fixemos iniciativas coma a do catamarán ou dos mexillóns. ¡Só nos falta buscar un manager!», di entre risas. Mentres chega ese momento, o que xa gañaron é tres novos amigos, tal e como expresou Pereiro a través das redes sociais: