¿Banda larga na escola?
La Voz de la Escuela
14 May 2014. Actualizado a las 13:49 h.
Un problema é a velocidade, sen dúbida. Pero outro é que os alumnos poidan navegar ás súas anchas e aproveitar as grandes vantaxes que para a información e a comunicación entre escolas e experiencias de aprendizaxe proporciona Internet. De todo hai e non todo pode volverse queixas, falar de riscos e controis. Ancho é o mundo de Internet, pero larga a intelixencia de profesores para buscar un bo camiño. Imprescindible: accede ás noticias que che facilitamos escribindo o título de cada unha no buscador da edición dixital de La Voz de Galicia.
span lang="es-es">1. ANCHO DE BANDA
(La Voz 7/4/2014) España (e xa que logo Galicia) ten o servizo de banda larga máis caro da UE na categoría de 12 a 30 megabytes por segundo, que é a que contratan a maioría dos cidadáns. O informe BIAC da Comisión Europea precisa nun dos seus exemplos que «un francés que se desprace a España pódese atopar con prezos ata un 50 % máis elevados» que no seu país. No momento en que se realizou o estudo, a oferta máis barata en España era de 38,73 euros por mes (IVE incluído), a máis cara da Europa dos Vinte e Oito, só por detrás de Chipre (46,2 euros).
- ACTIVIDADES. Un conflito que ten outra fronte clara: a velocidade de descarga, que non adoita ser real. Como media en Europa, en cable baixa ata o 89,5 %; en fibra óptica, ata o 82,7 %, e en cobre, ata o 63,8 % do contratado.
n Seguro que sabes medir a velocidade do teu computador. Reclama.
2. TIC NAS AULAS
(La Voz, 7/1/2014) O uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) nas aulas non está a avanzar ao ritmo que as expectativas e os investimentos facían prever. Ata agora, os computadores nas clases non melloraron o rendemento dos alumnos. A clave da súa implantación non está en seguir incrementando o orzamento dedicado á compra de «hardware» e «software», senón no cambio do método de ensino e aprendizaxe. Mentres as clases se sigan impartindo de forma tradicional, as TIC serán un fin, non un medio neste proceso. O alumno manexa o computador mellor que o profesor e navega constantemente por Internet, pero non é capaz de aproveitalo con eficacia para aprender.
- ACTIVIDADES. Le o texto enteiro da noticia e verás como utilizar Internet,
unha impresionante fonte de información e cultura: barata; sempre dispoñible e modificable; fácil de manexar; con liberdade de expresión. É necesaria unha sólida capacitación para saber buscar, seleccionar e integrar a información que interesa, acudindo a fontes fiables e de calidade, todo iso sen perda de tempo.
3. RISCOS
(La Voz, 26/4/2014) Uns 59.000 alumnos galegos participaron xa este curso nas actividades do Plan Director de Convivencia e Seguridade Escolar, segundo os datos ofrecidos onte na Coruña ao termo da reunión da comisión de seguimento do plan, na que participan a Delegación do Goberno, a Alta Inspección do Ministerio de Educación, a Consellería de Educación, a Unidade de Coordinación de Violencia de Xénero de Galicia e o Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil. Grazas ao desenvolvemento deste plan de prevención de riscos, os colexios e as asociacións de pais de Galicia poden solicitar ás autoridades a realización de actividades e charlas.
- ACTIVIDADES. Outra vez: lede o texto enteiro. Invitade a alguén que vos fale disto e comunicade cales son os riscos ao voso xuízo. Nada hai tan prexudicial que ocultarse e non ventilar os problemas. O grupo axúdache.
4. COMPUTACIÓN NA NUBE
(La Voz, 14/1/2014) O Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer, de Ribadavia, participa nun proxecto pioneiro en Europa sobre computación na nube para a colaboración na aprendizaxe na escola. Onte o conselleiro de Educación realizou unha conexión por Internet coas escolas infantís de Francelos e San Cristobo para testear o proxecto, no que tamén participan centros de colexios rurais de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido. O RuralSchoolClud terá dous anos de duración para pór en común as conclusións dos centros participantes na iniciativa europea.
- ACTIVIDADES. ¡Que ben! Hai «nubes» que gardan boas choivas, axudan a non queimarse cando o sol se pon ardente e a navegar sen riscos a grande altura.
5. HIPERCONEXIÓN
(La Voz, 14/4/2014) Ves o dobre check. Pasan os minutos. Suores frías. Non hai resposta. A adrenalina sobe. ¿Por que, por que, por que? ¿Por que non me contesta? É o século XXI. Benvidos á vida instantánea. As novas tecnoloxías irromperon no noso día a día. ¿E na nosa mente? Por suposto. Agora querémolo todo, e querémolo xa. Que se WhatsApp, Instagram, Facebook, Twitter, Thumblr, Tuenti, Flickr, Pinterest... A conexión 24 horas produciu un cambio importante.
Explícao claramente o profesor da Universidade Pompeu Fabra Daniel Cassany. «Antes eramos máis individualistas e competitivos». O desembarco das redes sociais fíxonos ¿colaborativos? Traballamos en rede 24/7, é dicir, 24 horas, sete días á semana.
ACTIVIDADES. Lede o texto enteiro da noticia. Serviravos para ter un debate interesante en clase e unha comunicación real do voso uso de Internet en tempos e en contidos.
- ¿Pode ser útil en clase en cada materia? Busca experiencias, que hai moitas.