La Voz de Galicia

Un poeta nas nubes

La Voz de la Escuela

Carlos Ocampo carlos.ocampo@lavoz.es

Este sábado o Día das Letras Galegas homenaxea a Xosé María Díaz Castro

14 May 2014. Actualizado a las 13:25 h.

O poeta que o vindeiro sábado homenaxearán os galegos no día da súa literatura é o lucense Xosé María Díaz Castro, nado en 1914 no Vilariño, no concello de Guitiriz (Lugo), aínda que cando nacera se chamaba Trasparga. A súa casa labrega, acomodada, tiña raíces nos Vilares dende había xeracións e nela non faltou o aprecio polos libros e os xornais. Nos seus primeiros anos de estudante, durante algúns dos cales o ensino impartíase na súa propia casa, alternaba as clases cos labores agrarios, o que lle permitiu dende moi novo vivir nun contacto coa natureza que influíu en que agromara a súa sensibilidade poética, que deu os primeiros froitos, en castelán e algo acedos, segundo di, cando tiña entre 8 e 10 anos. E tería 14 anos cando compuxo o seu primeiro soneto, pero seu pai non tiña bos ollos para este espertar literario e preferiu mandalo ao Seminario de Santa Catarina (Mondoñedo), para que se formase como sacerdote, oficio do que na familia había unha antiga tradición.

O caso é que Díaz Castro non levaba dentro un cura, pero o seminario proporcionoulle unha completa e variada formación, tanto en linguas como en literaturas e humanidades, e sobre todo, o que foi decisivo na súa proxección como poeta, a amizade de Aquilino Iglesia Alvariño. Sería longa a lista de persoeiros das letras que pasaron por Mondoñedo, do que faltou durante os anos da guerra (1936-39): Pastor Díaz, Leiras Pulpeiro, Chao Ledo... e Noriega Varela, a quen coñeceu por Iglesia Alvariño.

E tamén compartiu na cidade bispal o faladoiro da barbería de Manuel Ledo Bermúdez, O Pallarego, pola que pasaron o mesmísimo Cunqueiro, Fernández del Riego e tantos outros. Non hai que dicir como puideron influír na súa configuración como poeta estes compañeiros de viaxe.

AROUSA E MADRID

En 1940, tras rematar a súa formación en Teoloxía, deixou Mondoñedo e Aquilino Iglesia Alvariño incorporouno ao colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, do que era copropietario e director. Alí pasou os seguintes sete anos francés, inglés, alemán, filosofía, relixión e mais latín no bacharelato. O tempo libre pasábao aprendendo idiomas... e preparando o título de bacharel, que obtivo en 1945, e despois estudos de Filosofía e Letras.

Durante os anos de Arousa, Castro Díaz compuxo algúns poemas e participou en certames literarios. En 1946 gañou os Xogos Florais de Betanzos, tanto en galego como en castelán. Tamén colaborou nalgunhas revistas literarias con poemas e artigos de prosa. Ao acabar a aventura arousá, Castro Díaz enclaustrouse na súa casa de dos Vilares a estudar máis idiomas (húngaro e outras linguas nórdicas). En 1948 acadou o número dous das oposicións a tradutor e foise a Madrid a traballar.

Coa marcha a Madrid, Díaz Castro envorcouse tan de cheo nas tarefas de tradución que a actividade creativa quedou case que completamente abandonada. Para o traballo facía traducións técnicas e mesmo e a súa contribución máis importante foi o Nuevo diccionario internacional del frío, publicado en 1975 polo Centro Superior de Investigaciones Científicas. Pero tamén fixo traducións literarias, entre outras os premios Nobel nórdicos para a editorial Aguilar. E foi en Madrid onde casou con María Teresa Zubizarreta Bengoetxea en 1954, o que levou con frecuencia ao País Vasco, de onde ela procedía. Tivo tres fillos.

REGRESO A GUITIRIZ

En Madrid, por insistencia (non pouca, xaora, posto que comezaron a facelo en 1956) de Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, Díaz Castro acabou de compor a seu único libro de poemas. En 1960 envioullo a Fernández del Riego e saíu do prelo en 1961. A pesar de estar completamente afastado da actividade literaria, o cativo número de composicións contrasta coa sona que acadaran e, así, en 1973 ingresou na Real Academia Galega.

Xubilouse Díaz Castro e volveu a Guitiriz, aínda que non deixou ao principio de viaxar tamén a Madrid e ao País Vasco. Alí recuperou a actividade literaria, aínda que non volveu dar ao prelo ningún novo libro. As súas creacións están en diferentes revistas universitarias. Morreu en Guitiriz en outubro de 1990.


Comentar