La Voz de Galicia

A Peregrinación Falada lembra a Elías Valiña aos 25 anos do seu pasamento

La Voz de la Escuela

> Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

O crego do Cebreiro estivo a piques de ser detido cando comezaba a pintar polo Camiño de Santiago as agora populares frechas amarelas

03 Dec 2014. Actualizado a las 11:27 h.

Chamábase Elías Valiña, foi crego e o día 11 deste mes haberá 25 anos que morreu. Un home pequeno de corpo e enorme de carácter e decisión que descubriu a localidade do Cebreiro e quedou namorado dela, ata o extremo que lle dedicou a súa vida non só relixiosa, senón física: organizou mil e unha tarefas naquela aldeíña histórica para sacala do atraso prerromano no que estaba, falou con todo o que puido para acadar axudas para lograr os servizos dos que carecía e púxose sempre á fronte de calquera traballo.

Respectado por todo o mundo, mesmo temido por algún renitente inicial, case que adorado ao final polos seus veciños, na súa biografía ?a mellor escrita, sen dúbida, obra do xornalista galego Lois Celeiro- consta un mérito máis que traspasou fronteiras e fai que Elías Valiña sexa coñecido na súa Sarria natal e na danesa Odense, en Lugo e na Universidade de Bristol: foi inventor de algo tan sinxelo e tan común hoxe en día como a frecha amarela que simboliza e sinala o Camiño de Santiago, no que era un gran experto e que é o que lle deu sona aquí e acolá.

Elías, por certo, estivo a piques de acabar tras os barrotes. Vestía como calquera, e así o atopou a Garda Civil preto dos Perineos pintando frechas amarelas para os peregrinos. Cando os uniformados lle preguntaron que estaba facendo ?pensaban que sinalizaba a ruta para contrabandistas ou mesmo terroristas daqueles comezos dos anos 80 do século pasado-, el contestoulles: «Estou preparando unha gran invasión». E abofé que tiña razón, porque desde entón chegaron varios millóns de peregrinos a Compostela seguindo aquelas frechas amarelas, cando naqueles tempos había uns poucos que poñían, de tarde en tarde, unha nota simpática e pintoresca na paisaxe.

Agora, 25 anos despois do seu pasamento, está en marcha desde o día 22 por todo o Camiño Francés a Peregrinación Falada (o sábado 6, en Melide; o 13, en Santiago), iniciativa dunha asociación xacobea. Xa o Concello de Sarria organizou un acto institucional de recoñecemento o pasado sábado 29 de novembro e a propia Xunta non quere esquecerse dese crego miúdo, de carácter forte, que recuperou para o futuro unha ruta de peregrinación que estaba practicamente morta. Así, o 11, no Hostal dos Reis Católicos, o Xacobeo dará voz a quen foron amigos dese nunca esquecido Elías Valiña.


Comentar