La Voz de Galicia

Inchables, cabalos, sirenas, talleres... e milleiros de sorrisos

La Voz de la Escuela

Carlos Ocampo
Os inchables, sempre exercen unha máxica atracción na festa

Nenos, pais e profesores de toda Galicia participaron na gran celebración coa que Voz Natura puxo un ano máis o broche final ao curso que está a piques de rematar

10 Jun 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Impresionaba ver desde autopista a restra de autobuses, vidos de toda Galicia, aparcados a carón do parque de Acea de Ama, comentáronlle despois da festa a este redactor, que el non o viu. Porque el o que viu foi a cantidade de sorrisos e ilusións que pasaron por todos os recunchos do recinto. Seica os inchables seguirán reinando por moito tempo como os preferidos dos nenos. O colorido que despregan e a promesa de diversión son imáns irresistibles e, deles, o desafío da escalada e a rivalidade do futbolín levan tantos votos que borraron do mapa electoral a todos os demais. 

E mira que había cousas e cousas, que a xornada quedou curta para velas todas, pero só os cabalos e os ponis puideron desafiar os xogos inchables nas preferencias dos visitantes. Normal: unha mirada tenra e un desafío para moitos nenos que tiveron neste día o seu bautismo como xinetes abondan para deixar atrás os talleres: de prensa, de radio, de televisión e de debuxo. Pero non pensedes que nesta zona non houbo traballo: nin moito menos.

Os que tamén marcharon esgotados para a casa, amais dos protagonistas, foron os gardas civís, os bombeiros, os de protección civil... É que onde haxa unha sirena que se quite todo o demais. ¡E non digamos se aterra un helicóptero!


Comentar