La Voz de Galicia

Queridos Reis Magos: Este ano pídovos tempo para xogar

La Voz de la Escuela

Ana T. Jack
Son preferibles os xogos e xoguetes que permitan compartir o tempo cos amigos ou disfrutar do aire libreSon preferibles os xogos e xoguetes que permitan compartir o tempo cos amigos ou disfrutar do aire libre

Máis que xoguetes, os nenos necesitan espazos, momentos e compañeiros para interactuar

20 Dec 2017. Actualizado a las 05:00 h.

Poucos xoguetes… pero moito tempo para xogar. Iso é o que necesitan os nosos fillos para desenvolver ao máximo o seu potencial físico, psicolóxico e emocional. Pero na práctica non facemos máis que recortar os tempos nos que lles permitimos facer o que queren sen que exista un férreo control pola nosa banda ou a constante supervisión dun monitor. Esta evidencia convén tela moi presente nesta época de compras compulsivas e de procuras tolas do xoguete perfecto. Non perdamos o tempo. Axudémolos a elixir uns poucos agasallos para escribir a carta a Papa Noel ou aos Reis Magos, pero esquezamos a maioría dos catálogos dos centros comerciais. Adoitan ser demasiado interesados, comerciais, limitados e sexistas como para telos en conta. A Patrulla Canina, Bob Esponxa ou as princesas de Frozen é todo o que pode dar de si nosa imaxinación? As bonecas, estoxos de maquillaxe e traballos manuais para as nenas e os coches, superheroes e equipos de fútbol para os nenos? Fagamos un esforzo por saírnos dos tópicos.

E, sobre todo, propoñámonos deixar aos nosos pequenos tempo diario para utilizar eses xoguetes que moitas veces se amontoan nos andeis case sen ter sido estreados.

Un segundo dato, igual de importante que o primeiro: cando se lles dá a elixir, os nenos prefiren xogar acompañados (cos seus pais, cos seus irmáns ou cos seus amigos) a facelo sos. Así que un magnífico agasallo sería proporse para este ano xogar máis con eles ou facilitarlles que queden cos seus amigos con máis frecuencia. Hai unha chea de xogos de mesa, deportivos, de enxeño e incluso videoxogos divertidos para participar con toda familia.

E por un último, un terceiro dato á hora de facer a lista de agasallos: todos prefiren xogar (e aprenden e reláxanse moito máis, está demostrado) en espazos abertos, ao aire libre e en contacto coa natureza que en cuartos pequenos, locais pechados ou centros comerciais atestados de xente. Así que xa temos outra clave: talvez pedir agasallos relacionados co aire libre (pelotas, bicicletas, patinetes, cometas, prismáticos, guías de campo ou equipos de explorador) sexa unha boa idea para este ano no que os Reis Magos queren saírse un pouco do habitual.

 

Xogar é algo moi serio

Francesco Tonucci, pedagogo italiano, debuxante e autor de magníficos libros sobre a infancia, como Con ollos de neno ou Cando os nenos din ¡basta!, sempre defendeu a idea de que os nenos necesitan menos xoguetes e máis liberdade (iso si, adaptada a cada momento de madurez) para xogar. E, sobre todo, tempo e lugares adecuados para facelo. Estas son algunhas das súas ideas sobre os xoguetes que poden inspirar a carta a Papa Noel ou aos Reis Magos:

 

escuela de padres 

? TEMA DO MES: Fin da primeira avaliación.

 

? ETAPA: Primaria e secundaria.

 

? O DATO: O tempo dedicado ao xogo creativo e libre en nenos de 9 a 12 anos en Estados Unidos diminuíu un 90 % en dez anos.

 

? A FRASE: «O instinto máis grande dos nenos é precisamente liberarse do adulto» (María Montessori).

 

? ALGUNHAS CLAVES: Seguir a regra dos catro agasallos: algo que realmente desexe, algo para ler, algo para levar (roupa, zapatos, complementos…) e algo que necesite.

 

? ERROS QUE EVITAR: Permitir a saturación dos nenos e a perda de ilusión por un exceso consumista que os converta en nenos hiperagasallados.

 

? PARA SABER MÁIS: «Guía del Instituto Tecnológico del Producto Infantil y Ocio 2017», AIJU. Este catálogo de xoguetes de calidade realízase cada ano en función da opinión de expertos, educadores e familias. Esta é a ligazón: http://www.guiaaiju.com/2017/guia_completa.php


Comentar