Benvidos ao 2018
La Voz de la Escuela
Unha breve introdución a algúns acontecementos que celebraremos ao longo deste ano
10 Jan 2018. Actualizado a las 05:00 h.
La Voz de la Escuela comeza hoxe a súa andaina por este novo 2018. Temos por diante 12 meses cheos de expectativas, grandes posibilidades, perigos e riscos. É o misterio do futuro, que está aberto a todo. É tempo de planificacións, de proxectos e de grandes resolucións. As empresas, as organizacións e os individuos determinan os seus obxectivos e establecen as estratexias para alcanzalos. Pero unha cousa é necesaria para acertar: coñecer ben o terreo de xogo. Como vai ser este ano que agora comeza? Que nos vai deparar este 2018? A maior parte dos acontecementos que van ocorrer dentro del sonnos descoñecidos, pero hai outros que están xa determinados porque son consecuencia do que pasou xa. Van suceder moitas cousas que xa sabemos e podémonos preparar de antemán para vivilas.
1
O rei cumprirá 50 anos
O rei Felipe VI, que leva xa máis de tres anos como xefe do Estado, naceu en Madrid o 30 de xaneiro de 1968. Cumpre, xa que logo, 50 anos dentro duns días. E non é só un número redondo: falando da idade dunha persoa, é un número que sinala madurez e plenitude. Parece coma se fose o centro da vida: acumula un caudal abundante de experiencia, indicio de sabedoría e sentido común, pero aínda non revela signos de decadencia, nin decrepitude. É, probablemente, a idade á que a persoa pode dar o mellor de si, e a Felipe VI débeselle esixir o mellor para guiar a unha España que se enfronta a momentos turbulentos.
2
Xogos olímpicos de inverno
Tócanos gozar outra vez das olimpíadas brancas, dos vertixinosos descensos con curvas imposibles entre portas abertas ao monte, dos saltos estatuarios que terminan en devotas aterraxes en xenuflexión, dos arabescos da patinaxe artística no que os corpos se volven ingrávidos, da endemoñada velocidade deses artefactos que se deslizan por tubos de xeo. Todo iso vai ocorrer arredor da chama olímpica que se acenderá en Pyeongchang, Corea do Sur, o 9 de febreiro e non se apagará ata o 25. Pyeongchang é unha pequena cidade de menos de 50.000 habitantes situada nunha zona montañosa ao leste de Seúl, a capital da nación.
3
En Cuba móvese algo
O 19 de abril é a data sinalada para que Raúl Castro sexa substituído no seu cargo de presidente do Consello de Estado e de Ministros de Cuba. Como o país segue a ser de partido único, o resultado duns comicios nos que a xente vota unha lista única de representantes que á súa vez serán os que formarán a asemblea que elixirá ao dirixente, o resultado será o que xa vaticina o propio partido, é dicir a elección de Miguel Díaz-Canel. Pero algo terá que moverse, aínda que Trump teña freado en seco o desxeo das relacións cubanas con Estados Unidos que comezara Obama, porque o novo mandatario non gozará do carisma dos irmáns Castro nin do seu currículo de heroes da revolución.
4
Putin perpetúase no poder
Durante 2018 o mundo vai mirar cara a Rusia por diversos motivos. Primeiro, porque ten convocadas eleccións presidenciais para o 18 de marzo. Vladimir Putin mantense no poder desde 1999, xa como presidente, xa como primeiro ministro. Na actualidade é presidente de Rusia desde o ano 2012 e é o seu terceiro mandato neste posto. Agora preséntase, sen ningún rival que poida facerlle sombra, para un cuarto mandato de seis anos.
5
Mundial de fútbol
Pero a razón principal pola que Rusia atraerá a atención do mundo é a celebración do próximo Mundial de Fútbol, que se inaugurará o 14 de xuño no estadio Luzhniki de Moscova. Ata o día da final, o 15 de xullo no mesmo estadio, haberán de xogarse 64 partidos. Viviranse días de intensas emocións e expectativas, e tamén de decepcións. Esperemos que España poida volver alcanzar esa cima, que xa logrou unha vez, e obter así a segunda estrela soñada.
6
Centenario da fin da Primeira Guerra Mundial
A Primeira Guerra mundial, que adoita denominarse en Europa a Gran Guerra, foi pechándose ao longo de 1918, hai agora cen anos. Rusia foi a primeira en asinar un armisticio, despois da revolución bolxevique, o 3 de marzo en Brest-Litovsk. Finalmente o Imperio alemán afúndese tamén no medio de revoltas en Berlín e o káiser abdica e refúxiase en Holanda. A nova república alemá firma o armisticio o 11 de novembro nun vagón de tren aparcado no bosque de Compiègne. A guerra provocara un cambio drástico no mapa de Europa. Desapareceran os catro grandes imperios, o dos tsares rusos, o austrohúngaro dos Hasburgo, o reich alemán e o Imperio otomán. Xurdiron novos Estados máis pequenos no seu canto. Producíronse preto de dez millóns de mortos entre os soldados e calcúlase que morreron tamén máis de sete millóns de civís.
OUTROS ANIVERSARIOS
Ao longo de 2018 produciranse moitos máis centenarios e efemérides.
Séptimo centenario da fundación da Universidade de Salamanca, a máis antiga de España e a terceira de Europa.
Cuarto centenario de Murillo. O 2018 será Ano de Murillo en Sevilla. Naceu probablemente en decembro de 1617 e foi bautizado o 1 de xaneiro de 1618.
6 de febreiro de 1918: as mulleres conseguen o dereito ao voto en Inglaterra.
17 de febreiro de 1818: o barón Drais constrúe e patenta unha máquina de correr (a draisiana).
8 de marzo de 1618: Kepler formula a súa terceira lei sobre o movemento dos planetas.
11 de marzo de 1918: Primeiro caso da gripe española.
23 de abril de 1518: Leonardo da Vinci redacta o seu testamento.
11 de maio de 1918: Nace Richard Feynmann, un premio nobel que sería mestre de divulgación científica.
Segundo centenario do nacemento do filósofo materialista Karl Marx: 5 de maio de 1818.
Segundo centenario do nacemento da novelista inglesa Emily Brontë: 30 de xullo de 1818.
Centenario da creación do primeiro parque nacional de España e de Europa e segundo do mundo, tras o de Yellowstone, o dos Picos de Europa, chamado anteriormente da Montaña de Covadonga: 22 de xullo de 1918.
50.º aniversario do asasinato en Memphis do líder Martin L. King: 4 de abril de 1968.
50.º aniversario da morte do poeta León Felipe en México: 18 de setembro de 1968.
actividade
Preparade na aula un calendario colectivo do 2018. Reflectide nel os acontecementos que vos sinalamos que van ocorrer este ano, pero investigade tamén vós para engadir outros. Buscade os máis próximos, que ocorran na vosa localidade ou no voso centro. Ou mesmo acontecementos persoais ou familiares importantes. Dese modo poderedes preparar algún proxecto para calquera deses acontecementos.