Cada día, quince minutos para quince parques nacionais
La Voz de la Escuela
23 May 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Estamos a fin de curso e non temos moito tempo para unha análise detallada de tanta beleza e riqueza que gardan e exhiben os parques nacionais en España. Talvez, mesmo se lle dedicamos só 15 minutos a cada un dos 15 parques que oficialmente reciben tal título, poderán servir de relax vitamínico para os nosos ollos, un pouco cansos xa de tanta letra e tanto número que invaden a nosa reserva de memoria en vésperas de exames finais.
Podemos programar unha guía de visitas sen saír de casa para 15 días. Obxectivo: Rede de Parques Nacionais. Cada día un. Recordas cales son? Aquí os tes, indicando ademais a data na que foron declarados. Pois cada día podes visitar un na pantalla do teu computador ou no cole, se hai tempo a estas alturas do curso, quizais pasados os exames:
- Picos de Europa (1918), Ordesa e Monte Perdido (1918), Teide (1954), Caldera de Taburiente (1954), Terra de Lagos (1955), Doñana (1969), Tablas de Daimiel (1973), Timanfaya (1974), Garajonay (1981), Arquipélago de Cabrera (1991), Cabañeros (1995), Serra Nevada (1999), Illas Atlánticas de Galicia (2002), Monfragüe (2007), Serra de Guadarrama (2013).
Na descrición de cada un dos parques nacionais figuran seis datos principais: localización, superficie, altitude máxima, clima, características, tal como recollemos aquí, por exemplo, en referencia ao parque nacional das Illas Atlánticas. Nesta dirección tes todos os datos: https://bit.ly/2KqWMBi
Vixías do Atlántico
Son o exemplo máis próximo: o parque nacional das Illas Atlánticas foi recoñecido como tal no ano 2002.
Localización. Composto por catro arquipélagos: Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, pertencentes ás provincias de Pontevedra e A Coruña, na comunidade autónoma de Galicia. Concellos: Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira
Superficie. 8.480 hectáreas totais (1.194,8 terrestres e 7.285,2 mariñas).
Altitude máxima. Nas Cíes, 197 metros (alto das Cíes); en Ons, 119 metros (Faro); en Sálvora, 65 (en Gralleiros), e 19 en Cortegada.
Clima. Nas Cíes, Ons e Sálvora: subrexión mediterránea subhúmida de tendencia atlántica. En Cortegada: subrexión atlántica europea.
Características. Estes catro arquipélagos vinculados ás Rías Baixas emerxen do océano desde Arousa ata Vigo embelecendo a paisaxe mariña coa maxia dos seus cantís. Cumes antano unidos ás serras litorais, e agora illados pola inundación da costa, estas illas ofrecen dous relevos distintos: o occidental, enfrontado a mar aberto e máis abrupto, e o oriental, mirando á costa, de perfil máis suave, con praias e dunas. Esta diversidade de escenarios dá cabida a unha multitude de especies de algas entre as que se refuxian e crían gran cantidade de peixes e moluscos e pescan aves mariñas que aniñan nas repisas dos cantís.
actividades
A primeira actividade está relacionada coa área infantil: os nenos e o medio ambiente. A segunda, co mundo novo e o seu compromiso de voluntariado.
A1: Na área infantil podes visitar os programas educativos propostos polo Ceneam: https://bit.ly/2rHHOzU
A2: Na área xuvenil, a oferta do voluntariado 2017-2018, os campos de traballo: https://bit.ly/2rIDXTf
A3: Para manterse ao día, boletín da Rede de Parques Nacionais: https://bit.ly/2DBK14M