La Voz de Galicia

A festa da agua

La Voz de la Escuela

Patricia Barciela
A auga é a única substancia que presenta os tres estados da materia de forma natural: sólido, líquido e gasosoA auga é a única substancia que presenta os tres estados da materia de forma natural: sólido, líquido e gasoso

As grandes masas de auga do planeta formáronse hai uns 4.600 millóns de anos

20 Mar 2019. Actualizado a las 15:39 h.

Formada pola unión de dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno é, sen dúbida, a substancia que mellor caracteriza o noso planeta. Tanto é así que adoita dicirse que deberiamos chamalo planeta Auga e non planeta Terra. Hoxe sabemos que existen evidencias de auga noutros puntos do sistema solar, como a Lúa e Marte. Tamén en moitas estrelas da nosa galaxia, como Betelgeuse ou Antares. E atopámola até en asteroides e meteoritos. Talvez isto é así porque o hidróxeno é o elemento máis abundante no universo e o osíxeno o terceiro máis común.

Hai uns 4.600 millóns de anos o noso planeta era unha enorme bóla de lava ardente. Durante os primeiros 600 millóns de anos, a Terra foi bombardeada por meteoritos e cometas. Ademais, na súa superficie existían numerosos volcáns en erupción. Nesta época formáronse as grandes masas de auga do planeta. As rocas terrestres fundidas deixaron libre a auga que contiñan. Con todo, unha parte importante da auga terrestre parece ter unha orixe extraterrestre, xa que chegou nos cometas que caían do espazo. Ao principio, a auga atopábase na atmosfera en forma de vapor, pero como a temperatura foi baixando, comezou a chover. E así foi como a auga comezou a cubrir a superficie.

E como se presenta a auga no noso planeta? Pois nos tres estados da materia. É sólida nos polos e os glaciares, e nos xeos que cobren os lagos e como neve e sarabia, cando a temperatura é baixa. É líquida nas grandes masas de auga terrestre, como os mares e océanos, aínda que tamén en ríos, lagos e encoros. E gasosa na atmosfera. É a única substancia terrestre que se pode atopar de forma natural nos tres estados da materia.

 

CUESTIÓN DE TENSIÓN

Outra propiedade singular da auga é que actúa coma se tivese unha pel na superficie. E este comportamento coñécese como tensión superficial. A auga, como todo o que nos rodea, está formada por pequenas partículas que chamamos átomos. Estes pequenos átomos únense para facer combinacións que se chaman moléculas.

Ás moléculas de auga gústalles estar xuntas. Cando un obxecto, por exemplo un clip que flota na superficie dun vaso, intenta empuxar e separar as moléculas, estas non lle deixan pasar, a menos que o clip empuxe forte. Se o mergullas moi rápido no vaso de auga, o clip separa as moléculas e afúndese ata o fondo. Pero se o baixas lentamente ata a superficie, non pode empuxar con forza e non pode separar as moléculas de auga. Así que permanece flotando na superficie. Parece coma se o clip permanecese na fina pel da auga, aínda que en realidade non hai ningunha pel. O que si existe é a tensión superficial, que resulta das unión das moléculas de auga como se estivesen pegadas.

Se engadimos un pouco de xabón ao vaso de auga, a tensión superficial diminúe moi rápido e o clip afúndese. Isto sucede porque o xabón cóase entre as moléculas de auga e sepáraas. Cando as moléculas de auga se separan ata unha certa distancia, deixan de atraerse tanto entre elas. Entón, só necesitan un pequeno empuxón para separarse e o clip afúndese ata o fondo.

 

Que é unha pompa?

Unha película de xabón é elástica: pode estirarse e encollerse como unha goma. Cando sopras sobre unha película de auga e xabón, estírase ao redor do teu sopro de aire. E fórmase unha pompa. Cando a pompa vén de formarse, a película de xabón intenta encollerse tanto como pode. Isto é porque as moléculas de auga da película atráense entre elas.


Comentar