La Voz de Galicia

Biografía e bibliografía en Antonio Fraguas

La Voz de la Escuela

Carlos Ocampo
Antonio Fraguas firmando a acta de constitución da fundación que leva o seu nome

Propostas para conmemorar o Día das Letras Galegas 2019

08 May 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Se lle tiramos as letras bli, obtemos unha palabra que adoita ir canda ela ao falarmos de moitos persoeiros. Esa semellanza fónica entre biografía e bibliografía, entre a vida (bio-) e os libros (biblos-) sempre me pareceu máis ca casualidade. E no caso de Antonio Fraguas Fraguas, se cadra nunca fora isto tan verdadeiro. Biografía tan abondosa en anos coma en froitos bibliográficos é o que nos suxire unha vida que deixou de alumear a piques de facer os 94 anos, aos poucos meses de chantar o seu derradeiro fito na historia da cultura galega: a creación da fundación que leva o seu nome. Con ela expresaba o desexo de deixar vinculado o seu legado ao Museo do Pobo Galego (MPG), que contribuirá a instituír, para que ambos axuden á preservación e comprensión da tradición cultural de Galicia.

E, se longa en anos foi a biografía do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2019 que estamos a piques de celebrar, non menos cumprida é a súa bibliografía, que suma máis de 350 publicacións. Unha produción erudita parella á herdanza bibliófila que deixou: nada menos que 12.937 libros e folletos e máis de 399 cabeceiras de publicacións periódicas de Antonio Fraguas que constituían a súa «sinxela biblioteca» forman hoxe parte da do MPG.

Esa biografía que se pechou o 5 de novembro de 1999 amencera un día dos Santos Inocentes, como lle prestaba dicir a don Antonio, de 1905. Non sería tampouco por casualidade, segundo teiman todos cantos achegamentos ao erudito lin estes días, pois todos subliñan a súa xenerosidade e bonhomía, sen sombra de dúbida. E iso que tivo ben de motivos para o resentimento, que nunca cultivou.

Case que de casualidade fixo o bacharelato no Instituto de Pontevedra (onde foi alumno, entre outros, de Castelao), pois cando os pais ían emigrar ao Brasil, un mestre de preto de Loureiro de Cotobade (o lugar de nacemento de Antonio Fraguas) convenceunos para que o deixasen estudar. Alí entrou en contacto coas Irmandades da Fala, e xa en Santiago, estudando Filosofía e Letras, ingresou no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Nestes anos fórxanse o seu amor a Galicia e a súa vocación docente, que inicia nos institutos Provincial de Santiago e da Estrada e que compaxina co ensino na universidade e o seu labor divulgador (escribindo, impulsando bibliotecas e museos…).

Pero coa Guerra Civil comezan os anos máis duros. Xa non pode comezar o curso 36-37, acusado de simpatizar co Partido Galeguista. Na posguerra tense que agochar dos falanxistas, o SEG é arrasado, morréranlle moitos amigos e outros tiveron que fuxir… Non pode impartir no instituto, e dá clases particulares e na universidade, e bota varios anos (vetado polos seus antecedentes políticos) para obter a cátedra de instituto de Xeografía e Historia, en 1950 (dous anos despois de obter o título de doutor na Universidad Central).

 

LUGO E VOLTA A SANTIAGO

O Instituto Masculino de Lugo foi o seu primeiro destino como catedrático: «Lugo para min significou o mesmo que para frei Luís o de “Diciamos onte”: a liberdade. Foi a miña volta á vida académica». Como antes da guerra, tamén desde aquí, amais da súa acción académica, dá pulo a diversas iniciativas culturais. Durante esta etapa ingresa na Real Academia Galega, en 1951, como membro de número, e ocupa a cadeira que deixara baleira o seu profesor Castelao. En 1959 trasladouse ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago, o que lle daba oportunidade de estar máis próximo á universidade, pero tamén de satisfacer mellor as súas inquedanzas intelectuais.

Cómpre salientar que os recordos dos seus alumnos, tanto de Lugo como de Santiago, son sempre bos, e el sabíao: «As rapazas do Feminino [o Rosalía de Castro]  queríanme moi ben, pero queríanme máis os rapaces do Instituto de Lugo». E nesta tarefa sorprende unha idea que semella avanzada para a época, mais que hoxe parece evidente: «El verbo enseñar tiene un valor que con frecuencia no le otorgan los que a él hacen referencia. Enseñar es crear una afición hacia lo que se enseña y se aprende». Con este principio, o que intentaba o profesor era achegar o alumno ao máis próximo para espertar o seu interese.

 

O legado do Museo do Pobo Galego

O legado de Antonio Fraguas non sei se máis importante, pero dende logo máis significativo, é a súa colaboración na creación do Museo do Pobo Galego dende que era só un proxecto, a comezos do ano 1976. Dende que foi invitado a participar converteuse, xunto co seu amigo Xaquín Lorenzo, Xocas, no alicerce do desenvolvemento deste referente etnográfico.

Se buscas na Hemeroteca de La Voz (no menú despregable ao que se accede desde a esquerda da cabeceira, e acoutando as datas de busca), poderás seguir as noticias que daban conta desta fundación. Por exemplo, a do 25 de abril de 1976 titulada «Aprobados os estatutos do Museo do Pobo Galego» ou a do 1 de agosto dese ano titulada «Onte en Santiago constituíuse o Patronato [sic] do Museo do Pobo Galego». Nesta información dábase conta, no subtítulo, da elección de Antonio Fraguas para a dirección do Museo, cargo que exerceu ata que en 1989 é nomeado presidente, trala morte de Xaquín Lorenzo.

O vínculo de Antonio Fraguas co Museo foi moi estreito. Ao coincidir a fundación coa súa xubilación, converteuse na estación desde a que seguiu desenvolvendo o seu labor intelectual. Deste vencello, profesional e sentimental, dá conta a doazón da súa biblioteca persoal que xa mencionamos, pero tamén a fundación, bautizada na súa honra, desde a que a institución conserva e divulga o seu legado.

VISITAR O MUSEO

Cadraría aquí falar algo máis do MPG, pero o mellor sería organizar unha visita cultural. Pódese facer por grupos escolares coa guía de persoal do museo, cun prezo de 70 céntimos por persoa, ou sen guía, por libre, de forma gratuíta. Tamén pode visitar o museo gratuitamente calquera persoa os domingos pola mañá. Máis información:

Dende esta web tamén se pode descargar unha guía didáctica centrada na figura de Antonio Fraguas:

Actividades

A través dos textos

Xa dixemos que Antonio Fraguas foi un prolífico escritor. «La Galicia insólita». «Tradiciones gallegas» (1973), «Geografía de Galicia» (1953), «El traje gallego» (1985) ou «Romarías e santuarios» (1988) dan conta da súa predilección pola temática tradicional popular. Como achegamento ao autor, propomos aquí dous textos de libre descarga desde a web que poden servir para traballar na aula durante unha sesión. Un deles é o discurso de ingreso na Real Academia Galega, titulado «As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán». O outro, «Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar», forma parte da obra colectiva «Antropoloxía mariñeira. Actas do Simposio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde», editada polo Consello da Cultura Galega. Son dúas conferencias semellantes, agás no tema, suficientemente descrito en cadanseu subtítulo. O núcleo do traballo en ambas as dúas son as coplas breves de tradición popular oral, acompañadas dunha sucinta explicación. Ligazóns:

Saber máis do autor

Nestas liñas non paramos moito na biografía, nin na bibliografía, do homenaxeado, pero hai abondosa e accesible obra sobre Antonio Fraguas. De almorzo, a que, coma cada ano, ofrece a RAG, moi completa e firmada por Clodio González Pérez, pódese consultar en

Foime moi útil o artigo publicado na revista «Participación Educativa» (no número extraordinario do 2011) «Antonio Fraguas y Fraguas (1905-1999)», de Antonio Prado Gómez, catedrático de Xeografía e Historia no instituto Lucus Augusti:

E de sobremesa podmos quedar co libro que tirará do prelo La Voz o vindeiro 17 de maio, e que se poderá mercar por 1,95 euros conxunta e inseparablemente co xornal dese día. Titulado «As estancias de Antonio de Insuela», é unha completa biobibliografía redactada por María Xosé Fernández Cerviño.

Actividades graduadas

O Seminario Galán tamén publica, en http://seminariogalan.org/, actividades, graduadas de 4.º de infantil a 6.º de primaria, que o mesmo se poden imprimir que resolver en liña. Engade paneis para montar unha exposición, co correspondente cartel, e un álbum de fotos.

 

 


Comentar