O Castañazo Rock reinvéntase
Lemos
Os organizadores tratan de definir a personalidade do festival de Chantada tras o revival bravú que permitiu resucitalo
15 Apr 2008. Actualizado a las 02:00 h.
Haberá Castañazo Rock 2008, pero aínda é cedo para dicir exactamente como será. Os responsables de que o festival volvese o ano pasado despois de ao redor dunha década de silencio están repensando a filosofía dunha convocatoria que na súa primeira etapa naceu como vehículo de expresión para un movemento, o bravú, que hoxe xa non existe como tal.
Os lemas cuñados en 1994 na taberna de Viana polos compoñentes dos Rastreros, Os Diplomáticos e demais foron o fío condutor do retorno do castañazo o pasado mes de novembro, pero hoxe por hoxe ningún festival con vocación de continuidade se pode alimentar en exclusiva de grupos de obediencia exclusivamente bravú. «Os tempos cambian e os grupos tamén», resume Ernesto Gay, un dos integrantes da asociación O Castañazo, a responsable da organización do festival do ano pasado, que xa traballa na seguinte edición.
A volta do Castañazo Rock saíu ben porque o público respondeu e houbo respaldo institucional para que as contas casasen. A edición do disco tributo aos Diplomáticos deu a excusa para traer a Chantada a músicos e periodistas especializados para falar da pegada do bravú na herdanza xenética da música galega. O resto puxérono as ganas dos ex compoñentes dos Rastreros por volver tocar, aínda que só fose unha vez máis. Ingredientes dabondo para un festival. Pero esa combinación é irrepetible, así que o que agora toca é reinventalo.
E niso están neste momento os integrantes da asociación O Castañazo. Unha vez resoltos os balances económicos do ano pasado, esta redefinición é que o que máis traballo lles está dando. «Estamos barallando diferentes alternativas, como a de traer grupos que teñan como nexo o uso da lingua galega, ou abranguer estilos cunha mesma orixe histórica», explica Ernesto Gay. Polo de agora, non é posible dar ningún nome. «O que hai son moitísimas posibilidades», din os organizadores. En calquera caso, avisan que son ambiciosos e que traballan para traer un cartel de calidade e con algún grupo de tirón.
O que semella estar claro é que se manterán as datas. Farase na primeira fin de semana de novembro, e se xorde algunha outra convocatoria que o fai imposible, moverase como moito sete días arriba ou abaixo, que para algo este festival ten o nome que ten. Tamén se repetirá o escenario. «Co tempo que fai nesa época do ano -din os organizadores- haino que facer a cuberto e para iso o mercado gandeiro é a mellor opción».