La Voz de Galicia

Un Papá Noel da montaña lucense

Lemos

Francisco Albo

Unha asociación cultural de Santiago reivindica a figura do Apalpador, un personaxe mítico do Nadal propio da tradición oral das serras courelá e ancaresa

03 Dec 2008. Actualizado a las 10:45 h.

Un personaxe esquecido do folclore da montaña lucense está a ser promovido como símbolo representativo das festas de Nadal en Galicia nun lugar afastado da súa terra de orixe. A asociación cultural compostelá A Gentalha do Pichel editou recentemente un folleto coa intención de popularizar a figura do Apalpador, un ser mítico que, segundo a tradición oral do Courel e dos Ancares, visitaba aos nenos na última noite do ano para deixarlles como obsequio unha presada de castañas quentes.

A iniciativa da referida asociación baseáse nun traballo realizado polo investigador José André López Gonçález e publicado en Internet no 2006, no Portal Galego da Lingua. Este estudo menciona varios testemuños recollidos nos anos 1988 e 1994 entre veciños de idade avanzada das localidades do Courel, Os Ancares e o val do Lóuzara sobre as tradicións de Nadal propias destas zonas. Segundo recordaban estas persoas, aos nenos destas localidades contábaselle antano a historia do Apalpador, un personaxe de grande estatura, vestido cun casaco remendado, que fumaba en pipa e usaba boina. Durante o ano vivía nas devesas, dedicado a fabricar carbón e alimentándose de bagas silvestres e cazando xabarís. Na noite do 31 de decembro entraba nas casas e apalpaba as barrigas dos nenos -de aí ven evidentemente o seu nome- para ver se pasaban fame ou se estaban fartos. En caso de que os encontrase ben alimentados, dicíalles: «Así, así esteas todo o ano».

O estudo de José André López menciona unha cantiga relacionada con este personaxe mítico que, segundo indica, foi recollida de boca dunha veciña de Romeor do Courel en decembro de 1994. Esta cantiga cantábase ao parecer aos nenos cando non podían dormir debido á excitación causada pola próxima chegada do Apalpador: «Vaite logo meu ninín (ou niniña),/ marcha agora prá camiña/ que vai vir o Apalpador/ a palparche a barriguiña».

Figura alternativa

O folleto editado por A Gentalha do Pichel -que pode verse na páxina web deste colectivo- inclúe unha ilustración que recrea a figura do mítico personaxe, realizada polo artista compostelán Leandro. O debuxo está acompañado dun amplo texto que resume as características principais desta tradición. A asociación propón recuperar esta figura como unha alternativa autóctona aos personaxes de Papá Noel e dos Reis Magos: «Deixemos que sexa un galego, un honesto e traballador carboeiro, quen veña agora cos presentes para as nosas moradas, e que as castañas de antano sexan acompañadas por outros bens que a súa xenerosidade de seguro lle permite doar».

Os defensores da recuperación do Apalpador opinan por outro lado que a restauración deste tipo de tradicións populares pode servir para contrarrestar os intentos de «homoxeneizar a cultura popular a nivel global». A iniciativa impulsada desde a capital galega non se propagou aínda polos lugares de orixe desta figura mitolóxica -O Courel e Os Ancares-, pero xa conseguiu ter certa repercusión en diversos foros de Internet.


Comentar