La Voz de Galicia

Lectores unidos en Sober

Lemos

Francisco Albo

Socios de tres bibliotecas da comarca de Lemos participarán mañá nunha xornada de confraternización

24 Apr 2009. Actualizado a las 02:00 h.

Nunha iniciativa que non ten precedentes na comarca de Lemos, os clubes de lectura da biblioteca pública de Sober e do instituto monfortino Río Cabe participarán mañá nunha xornada de lectura compartida. Na actividade tomarán parte tamén algúns socios da biblioteca pública do Saviñao, que non conta por agora cun club de lectura.

A idea partiu do club soberino Pintor de Castinande, creado o pasado ano na biblioteca da Casa de Cultura de Sober, cuxos integrantes visitaron en anteriores ocasións as outras dúas bibliotecas para participar nalgunhas das súas actividades. Os participantes no encontro reuniranse ás dez e media da mañá na praza do Concello de Sober e desde alí irán visitar o centro de olería de Gundivóis. Posteriormente dirixiranse á parroquia de Lobios, onde se celebrará unha sesión de lectura colectiva na que cada participante lerá un texto da súa elección. A continuación haberá un pequeno concerto do grupo musical soberino O Trícole. En principio está previsto celebrar esta actividade ao aire libre, no Souto do Tellada, pero se o tempo non o permite levarase a cabo na igrexa románica de Lobios. A xornada rematará cunha visita ao santuario de Cadeiras, onde haberá un xantar de confraternización.

O club de lectura Pintor de Castinande, que o pasado mércores organizou por outra parte un encontro literario co escritor monfortino Lois Diéguez, está formado actualmente por dezaseis persoas, na súa maioría mulleres, e mantén reunións todos os mércores na biblioteca pública.

A bibliotecaria Julia Fernández, que coordina as actividades do club, sinala que todos os seus integrantes mostran un grande interese en ler e comentar todo tipo de libros. «As lecturas que se escollen son sempre consensuadas, pero os socios atrévense con todo, incluso cos libros máis longos e complicados», explica. Puntualiza, non obstante que «á xente de maior idade cústalle máis traballo ler en galego aínda que sexan galegofalantes de nacemento, pero iso tampouco deixa de ser normal, porque esas persoas foron alfabetizadas unicamente en castelán e non tiñan hábito de ler libros en galego», engade.


Comentar