Un aniversario xeneroso
Lemos
Todas as proxeccións da décima mostra fílmica do cineclub monfortino A Calexa serán gratuítas
24 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.
A Mostra de Cine de Monforte organizada polo cineclub A Calexa cumpre dez anos e para celebrar este aniversario, o colectivo ofrecerá unha importante novidade na nova edición, que se desenvolverá entre o próximo luns e o 4 de novembro. Nesta ocasión, a diferenza das anteriores, será gratuíta a entrada de todas as proxeccións cinematográficas do ciclo.
A décima edición da mostra foi presentada polo presidente e o secretario do cineclub, Carlos Cortiñas e Alfredo Vázquez, acompañados polo alcalde Severino Rodríguez. O programa comprenderá por unha parte seis longametraxes que poderán verse -como nas anteriores edicións- nos multicines Holywood. Por outro lado, na Casa de Cultura proxectaranse varias curtametraxes, das que por agora só se coñece o título de dúas. As restantes serán cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe e aínda están a ser escollidas polos organizadores da mostra e os responsables de dita institución.
Visita de Patxi Bisquert
A primeira curtametraxe será Terra do millo , un filme rodado en Galicia e en lingua galega polo actor e director vasco Patxi Bisquert, amplamente coñecido desde que protagonizou en 1984 a película Tasio , de Montxo Arméndariz. O propio Bisquert -quen por outro lado é propietario dun establecemento de turismo rural en Nogueira de Ramuín- visitará Monforte para presentar este traballo documental realizado o pasado ano, que ten como motivo central o entroido tradicional da localidade ourensá de Maceda. A película será proxectada o xoves 29 ás 20.30 horas. Por outro lado, o día 30 e á mesma hora poderá verse Chans inmensamente fríos , un filme realizado no 2008 por Martín Rodríguez e filmado entre Redondela e Cangas do Morrazo.
A mostra cinematográfica, organizada co apoio económico do Concello de Monforte, conta por outro lado cun orzamento de arredor de 3.200 euros.