La Voz de Galicia

«Intereseime polo Courel grazas á poesía de Novoneyra»

Lemos

francisco albo quiroga / la voz fotógrafo e deseñador gráfico

Muras acaba de editar un libro de imaxes da serra con textos do poeta courelao Vicente Reboleiro

17 Nov 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que é natural do municipio pontevedrés de Teo, o fotógrafo e deseñador gráfico Xan G. Muras ten unha longa relación coa Serra do Courel, que visita con moita frecuencia desde hai uns vinte e cinco anos. Agora acaba de estrearse como editor de libros publicando o volume Xunguidos á terra, que recolle fotografías tomadas por el mesmo neste territorio, combinadas con textos do poeta courelao Vicente Reboleiro. A obra foi presentada a pasada fin de semana na Estación Científica do Courel e previamente en Santiago. Os autores pretenden presentala máis adiante noutras localidades galegas.

-¿Que é o que pretende ofrecer este libro?

-O que me interesaba neste proxecto era reflectir a natureza galega nas diferentes sazóns ou estacións do ano, que son o reloxo que marca a existencia humana. A Serra do Courel é un lugar onde a rolda das estacións é moito máis perceptible que noutros lugares. A idea xurdiu cando Vicente Reboleiro me pasou un paquete de poemas seus, entre os que había un que me gustou especialmente, Veño da montaña para verte, que aparece ao final do libro. Pódese dicir que ese poema é a columna vertebral da obra.

-A combinación da poesía e das paisaxes do Courel fai pensar en Uxío Novoneyra.

-É que eu intereseime polo Courel grazas precisamente á poesía de Novoneyra. Tiven a sorte de coñecelo persoalmente e el mesmo suxeriu que fixésemos algunha cousa en colaboración. Daquela non me atrevín, porque aínda non me metera no mundo da fotografía profesional e non me consideraba capacitado para algo así. Máis adiante, cando eu xa adquirira máis soltura no eido da fotografía, Novoneyra andaba mal de saúde e non me pareceu oportuno retomar ese proxecto. O que fixen foi traballar pola miña conta nunha obra fotográfica sobre O Courel inspirada en textos de Novoneyra, María Mariño, Ánxel Fole e Eduardo Moreiras. O libro chegou a estar maquetado e listo para a impresión, pero o resultado non me deixou moi convencido e proxecto está aparcado, aínda que espero retomalo algún día.

-¿Como concibiu a obra desde o punto de vista do deseño?

-O libro recolle trinta e pico e imaxes, que serían as que se mostran normalmente nunha exposición individual. Non quixer meter máis, porque como a outros profesionais, a min paréceme que os libros de fotografía a miúdo son excesivamente gordos e conteñen demasiadas imaxes. Non quixen que fose simplemente un lote de fotografías, senón unha especie de sinfonía visual en torno ao paso das estacións e aos pequenos detalles da natureza, que é algo que me interesa cada vez máis. Xunguidos á terra está concebido como un libro-obxecto, é dicir, algo que pretende ser interesante en si mesmo como obra artística independentemente do seu contido.

-Este é o seu primeiro libro dedicado ao Courel, pero xa editou antes outros materiais gráficos sobre a serra.

-Xa editei postais con imaxes do Courel e camisolas cun deseño baseado no Galaicodytes caurelensis, un escaravello cavernícola que vive unicamente na serra. Estes materiais véndense desde hai tempo en diversos negocios da comarca. Gústame axudar a que na zona haxa unha serie de pequenas cousas que os visitantes poidan levar como recordo, como hai en todos os lugares de interese turístico. É unha forma de contribuír un pouco á economía local. No Courel non hai grandes empresas nin unha industria potente e a xente ten que vivir sobre todo a base de cousas modestas.

-¿Ten algún outro proxecto editorial en marcha?

-Para a primavera penso publicar outro libro que combina a poesía e a fotografía. Recolle textos de nove escritoras galegas e un poema de Manuel María sobre María Balteira, a célebre muller que aparece nas cantigas medievais galego-portuguesas.Neste caso, non todas as fotografías están tomadas no Courel, pero as paisaxes da montaña lucense tamén teñen moita importancia nesta obra.

xan g. muras fotógrafo e deseñador gráfico


Comentar