O PSOE protesta en Santiago polo «secretismo» oficial sobre o porto seco monfortino
Lemos
27 Sep 2013. Actualizado a las 07:00 h.
«Que non sexa por non intentalo». Con ese espíritu anunciou onte o deputado monfortino do PSOE Vicente Docasar o seu segundo intento por sacar adiante no Parlamento unha proposición non de lei que pide á Xunta unha definición clara dos seus plans para a plataforma loxística. A proposta é lixeiramente distinta á que foi rexeitada polo PP o pasado día 18 polo, porque xa non lle pide expresamente á Xunta a creación dunha entidade específica para vender este proxecto no mercado.
Ese punto foi a principal causa da negativa do PP a apoiar aquela proposta. Os populares negábanse a propiciar ningún «ente» novo por entender que iso só sumaría máis burocracia e que a Xunta xa ten suficientemente clara a súa estratexia. Así que o que Docasar propón agora é que o Goberno estableza «un organismo claro» da Xunta que poida facer de interlocutor coas empresas que poidan estar interesadas en instalarse neste solo industrial intermodal.
A nova proposta engade ademais a solicitude de que a Xunta se marque un prazo claro para rematar as conexións da plataforma loxística monfortina coa estrada N-120 e co futuro corredor de Sarria. E por último, pide que a administración autonómica teña en conta as achegas que poida facer o consello económico e social de Monforte.
Na presentación desta segunda iniciativa súa, Docasar critica ademais o «secretismo» co que, ao seu xuízo, está manexando a Xunta a fase final deste proxecto. De aí que ademais desta segunda proposición non de lei, teña presentadas tamén diferentes preguntas para que os voceiros do Goberno galego expliquen que iniciativas están levando a cabo para desenvolve o porto seco en canto remate por fin a súa urbanización.
O exemplo de Salvaterra
Tanta insistencia, di Vicente Docasar, ten que ver co temor dos socialistas de que en Monforte acabe por pasar o mesmo que en Salvaterra de Miño, «que segue sendo un deserto sen actividade algunha doce anos despois de aprobarse a súa conttrución e tras requirir un investimento de douscentos millóns de euros de fondos públicos e quinientos da iniciativa privada».