La Voz de Galicia

«O meu próximo libro do románico será sobre O Saviñao»

Lemos

fRANCISCO albo monforte / la voz escritor e historiador

García presenta hoxe a reedición dunha obra sobre as igrexas de Pantón

21 Mar 2014. Actualizado a las 07:00 h.

O escritor e historiador chantadino Xosé Lois García presentará hoxe na casa consistorial de Ferreira -ás 20 horas- a reedición do seu libro Simboloxía do románico de Pantón, publicado por primeira vez en 1999. A obra estaba esgotada desde hai anos, ao igual que outros libros que García publicou máis tarde sobre o románico de Sober e da comarca de Chantada.

-Semella que hai demanda deste tipo de obras, aínda que a arte románica parece un asunto para minorías.

-Son cousas para minorías, pero estes libros esgótanse con rapidez. O que publiquei sobre o románico de Chantada tardou como catorce meses en acabarse. Polo que eu sei, os que adquiren estas obras son visitantes interesados en coñecer o románico da Ribeira Sacra, pero tamén estudiosos, especialistas universitarios, afeccionados á arte medieval... Supoño que tamén chaman a atención porque en Galicia non hai moitos traballos sobre a simboloxía románica, aínda que si hai obras importantes que analizan outros aspectos deste patrimonio, como a arquitectura.

-¿Desde que editou por primeira vez este libro hai máis aprezo polo románico da Ribeira Sacra?

-Agora hai máis xente que visita estes monumentos e talvez están hoxe menos depredados do que estaban antes. Nese sentido creo que melloramos e que estamos na boa vía, pero aínda queda moitísimo por facer, tanto en conservación como en divulgación. Segue habendo moita xente que non apreza este patrimonio como se merece porque non ten unha idea clara do seu valor. Por outro lado, as institucións públicas invisten a maior parte dos fondos en restaurar as catedrais e os grandes conxuntos monásticos, esquecendo case por completo as igrexas rurais, que encerran un patrimonio valiosísimo. Nos últimos anos fóronse restaurando algunhas igrexas, pero segue habendo outras que están nun estado penoso e incluso sufrindo derrubamentos.

-¿Pantón pode servir como exemplo no que respecta á conservación deste patrimonio?

-As igrexas románicas de Pantón están máis coidadas e divulgadas que as doutras zonas, pero hai que sinalar que detrás disto hai un labor de moitos anos. O Concello preocupouse moito por conseguir que as igrexas se restaurasen e editou folletos para axudar a que fosen máis coñecidas e valoradas. E hai un grupo de persoas que leva moito tempo organizando as Xornadas da Rota do Románico. En Pantón hai froitos importantes neste campo, porque tamén hai unha raíz sólida.

-O románico rural segue sendo pouco coñecido en Galicia, pero fóra dela e moito máis ignorado.

-O problema é que levamos un atraso enorme con respecto a outros territorios que contan cun patrimonio románico importante, como Francia ou Cataluña. Por exemplo, xa en 1911 apareceu un inventario exhaustivo do románico catalán que realizou o arquitecto Puig i Cadafalch. En Galicia aínda non contamos cun inventario completo deste patrimonio, polo que se pode dicir que nese aspecto temos un retraso de máis dun século con respecto a Cataluña. En tempos moito máis recentes publicouse outro inventario en 32 volumnes que analiza o románico catalán comarca por comarca. En Galicia temos bons especialistas en románico, como Yzquierdo Perrín e outros,

pero necesitamos máis obras que estuden este patrimonio dun modo extenso e profundo, con rigor histórico e científico, e tamén máis traballos divulgativos. Todo iso axudaría que o noso románico fose máis coñecido tanto entre nós mesmos como fóra de Galicia.

-¿Pensa publicar máis obras deste tipo sobre o románico da zona?

-A próxima estará dedicada ao románico do Saviñao, pero aínda non poido dicir cando aparecerá, porque é un traballo moi longo e complicado. Levo tres anos estudando ese patrimonio e pasei ano e medio analizando só a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, que é un conxunto artístico impresionante e moi complexo.

XOSÉ LOIS GARCÍA escritor e historiador


Comentar