A asociación Fonte do Milagro organizará o día 25 unha nova Ruta do Magosto
Lemos
17 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.
A asociación cultural Fonte do Milagro, radicada en Froxán, organizará o día 25 unha nova edición da súa tradicional marcha de sendeirismo de outono, denominada Ruta do Magosto, que discorrerá entre os municipios da Pobra do Brollón e Folgoso do Courel. O itinerario comezará e terminará no lugar da Barrosa, cunha lonxitude total de 11,5 quilómetros.
Os participantes, que deberán desprazarse nos seus propios vehículos, iniciarán a camiñada ás dez da mañá no punto quilométrico 21,600 da estrada da Pobra do Brollón a Folgoso. Para localizar o lugar, os organizadores recomendan tomar como punto de referencia un depósito de auga e unha fonte que se encontran á beira da estrada despois de cruzar o arroio de Río Seco. Os participantes iniciarán a camiñada por unha pista de terra que leva ao lugar da Golada. Neste sitio, onde existe un refuxio de cazadores, farase unha parada para tomar un aperitivo. Ao longo da ruta, de dificultade entre media e baixa, pódense ver algunhas das paraxes máis características da zona fronteiriza entre ambos municipios, como aldeas do Carballal, Parada de Montes e O Mazo e Santigoso e o Alto dos Catro Cabaleiros.