La Voz de Galicia

Sés encheu o auditorio no seu primeiro concerto monfortino

Lemos

francisco albo monforte / la voz
O público que abarrotaba a sala púxose en pé para corear á cantante na última parte do concerto.

As condicións meteorolóxicas obrigaron a trasladar ao multiusos a actuación que ofreceu a cantautora coruñesa

15 Aug 2015. Actualizado a las 05:00 h.

O concerto da cantautora coruñesa Sés, a principal actuación musical do programa festivo do pasado xoves en Monforte, abarrotou de público o auditorio do centro multiusos, a onde foi trasladado desde o lugar no que estaba previsto ofrecelo inicialmente, na praza de España. A mudanza de escenario foi causada por unhas condicións meteorolóxicas pouco favorables. Aínda que as prediccións non anunciaban chuvia para a noite, por precaución optouse por levar actuación a cuberto.

O auditorio do multiusos encheuse rapidamente ás once da noite -o horario orixinal anunciado para o concerto non se alterou-, pero o cambio de ubicación desorientou a moitas persoas interesadas en asistir á primeira actuación ofrecida pola cantautora en Monforte, que acudiron en primeiro lugar á praza de España para dirixirse ao multiusos ao saber que a actuación se trasladara a este edificio.

Momentos de discusión

Cando todos os asentos da sala estiveron ocupados, as portas pecháronse e un numeroso grupo de asistentes quedou fóra. Non tardaron en surxir queixas e algúns dos espectadores frustrados pediron que se lles deixase entrar para asistir ao concerto de pé nos corredores laterais da sala. Despois duns momentos de discusión e da intervención directa do alcalde José Tomé e a concelleira de Cultura Marina Doutón -que se encontraban entre o público-, autorizouse a entrada a estas persoas, que puideron acomodarse sen moitos problemas no espazo que restaba dispoñible. De todas maneiras, quedou de manifesto que o concerto podía ter congregado un número considerablemente maior de espectadores se se puidese ter ofrecido ao aire libre.

Despois destes atrancos iniciais, o concerto desenvolveuse con normalidade ao longo dun par de horas nun ambiente cada vez máis animado, a pesar de que as condicións acústicas do local estaban lonxe de ser perfectas. A cantante foi debullando cancións do seu álbum máis recente -Tronzar os valos- e dos seus anteriores traballos discográficos, Co xenio destrozado e Admirando a condición, mentres o público a coreaba a miúdo con voces e palmas, especialmente nos seus temas máis emblemáticos, como Tempestades de sal e Labregha berghantiñana. Como é característico na cantautora, os variados xéneros musicais do seu repertorio -blues, rock, milongas, rancheras- mesturáronse con comentarios de cariz social e político, reflexións persoais e constantes toques de humor.

fiestas de monforte


Comentar