La Voz de Galicia

Primeira homenaxe en Monforte no ano de Manuel María

Lemos

fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

O acto, organizado polos concellos de Pantón e Sober, comprende a presentación dun libro biográfico

22 Jan 2016. Actualizado a las 05:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá mañá -a partir das 20 horas- o primeiro acto de homenaxe a Manuel María organizado en Monforte no ano en que se dedica ao poeta o Día das Letras Galegas. O motivo principal é a presentación do libro Manuel María reencontrado, do escritor chantadino Xosé Lois García, que acaba de ser publicado pola editorial Toxosoutos. Pero o programa da xornada comprende máis actividades. Tamén está prevista unha actuación musical do grupo soberino O Trícole. A homenaxe complementarase cunha lectura dramatizada a cargo de integrantes do Movemento Tabernario Lemavo, na que se representará un diálogo ficticio entre Manuel María e Xoán de Requeixo, un trobador do século XIII coñecido polas cantigas que dedicou á romaría chantadina do monte Faro.

O acto previsto para mañá non conta coa colaboración institucional local e está organizado polos concellos de Pantón e Sober. O primeiro deles, que colaborou na edición do libro, incluíu esta actividade na programación da edición número dezanove das Xornadas da Rota do Románico. Residente en Monforte durante unha grande parte da súa vida, Manuel María mantivo unha estreita relación con estes dous municipios. No primeiro caso, este vínculo plasmouse no poemario Cantigas e cantos de Pantón, publicado en 1994. O Concello de Pantón dedicoulle no seu día unha rúa e un mural cun retrato seu que se encontra na fachada do edificio sociocultural municipal. A Sober, Manuel María non lle dedicou un libro específico, pero si escribiu sobre este municipio diversos textos, entre eles un poema de homenaxe á banda de música local con motivo do seu 125 aniversario, que comeza da seguinte maneira: «Banda de Sober, os anos / déronche o son do sublime / que purifica e redime / os sentimentos humanos». Esta agrupación participou nos funerais do escritor no 2004, interpretando algunhas pezas musicais que foran escollidas previamente por el mesmo.

Ruta literaria

Por outro lado, a asociación cultural soberina O Colado do Vento -xunto co colectivo Lemos Le- organizou a primeira homenaxe pública ao poeta celebrada en Monforte despois de que a Real Academia Galega acordase dedicarlle os actos do 17 de maio do 2016. Esta actividade levouse a cabo o pasado 7 de novembro e consistiu nun percorrido guiado pola cidade que tomou como base os poemas do libro Cancioneiro de Monforte de Lemos, publicado por Manuel María en 1991.

O Concello de Monforte non anunciou aínda ningún acto concreto de homenaxe ao poeta para este ano, pero despois de saberse que Manuel María sería o protagonista do próximo Día das Letras solicitou formalmente a Real Academia Galega que a cidade acollese un dos actos principais que se organicen con este motivo. A academia respondeu afirmativamente a esta solicitude, pero puntualizou que o acto central -seguindo a tradición- terá por escenario a localidade natal do escritor, Outeiro de Rei. O goberno local tamén precisou que tamén se prevé organizar outros actos en Monforte ao longo do ano.

Con anterioridade, en Monforte xa se organizaran outras homenaxes ao poeta desde o seu pasamento. O máis destacado foi a inauguración dunha estatua que foi instalada en agosto do 2008 na praza da ponte Fontecha, cerca do domicilio que ocupou Manuel María ao longo de moitos anos. Previamente, no 2006, a galería Sargadelos acolleu unha exposición sobre a súa vida e obra que coincidiu coa presentación do libro O tempo vital de Manuel María, do escritor e profesor quirogués Camilo Gómez Torres. Por outro lado, nove meses antes da súa morte -en decembro do 2003-, o Concello organizou varios actos coincidindo coa dedicatoria da rúa que leva o seu nome, que comprenderon dúas exposicións e unha recepción oficial.

unha visión moi persoal

O libro Manuel María reencontrado, de Xosé Lois García, dedica especial atención as relacións do poeta coas terras do sur lucense. A obra aborda a biografía e a obra literaria do escritor desde un punto de vista moi persoal, xa que García mantivo unha longa amizade con el, desde 1972 ata o seu falecemento. A fotografía da dereita, incluída no libro recén publicado, foi tomada durante un dos moitos encontros que mantiveron ambos escritores


Comentar