Nogueira de Miño, a Capela Sixtina da Ribeira Sacra
Lemos
Percorrido en imaxes por un conxunto artístico de valor excepcional
O conxunto de murais renacentistas da igrexa é considerado como o máis valioso de Galicia xunto co de Banga, no Carballiño
19 Jun 2017. Actualizado a las 00:19 h.
A última fase da restauración da igrexa chantadina de Nogueira de Miño -que se executará durante os primeiros meses do 2017 por iniciativa da Consellería de Cultura- incrementará a importancia do conxunto de murais renacentistas do templo, que xa ocupa un lugar de primeira fila non só no contexto da Ribeira Sacra senón tamén con respecto a todo o patrimonio artístico de Galicia. Así o afirma César Carnero, delegado de patrimonio histórico da diócese lucense, quen considera que «Nogueira é sen dúbida algo excepcional dentro da pintura renacentista galega e só se pode comparar con ela o conxunto de murais da igrexa de Santa Baia de Banga, no Carballiño».
As pinturas que cubren os muros norte e sur e o arco de triunfo da igrexa foron restauradas en tres campañas que se levaron a cabo a partir do 2012. Nestes traballos púxose ao descuberto unha parte dos murais que ata entón estaba oculta por unha camada de cal. Estas obras son atribuídas a un artista anónimo que o historiador da arte José Manuel García Iglesias denominou precisamente Mestre de Nogueira e que traballou en diferentes localidades lucenses en torno ao ano 1560. Os seus murais caracterízanse por unha alta calidade artística e pola semellanza coa pintura manierista italiana. García Iglesias opina que mostra o influxo das fórmulas estéticas creadas por Miguel Anxo.
A única parte da igrexa que falta por restaurar é o presbiterio ou cabeceira, onde hai outro conxunto de pinturas tapadas con cal. «Tal como están agora non se poden apreciar ben, pero nótase que son tamén unha obra de moita calidade», explica Carnero.
Unha época talvez anterior
Se ben os expertos aínda non examinaron a fondo estes murais, pénsase que talvez non son obra do Mestre de Nogueira e que poden corresponder a un período anterior. «Iso é algo que haberá que estudiar cando as pinturas queden descubertas -apunta César Carnero-, pero se fose así o conxunto tamén gañaría en riqueza, porque contaría ademais cunha obra valiosa pertencente a un ciclo artístico máis antigo».
O delegado diocesán sinala por outra parte que é moi probable que nas igrexas da Ribeira Sacra haxa máis murais do Mestre de Nogueira que permanecen ocultas por camadas de cal. «Nunha restauración que se realizou hai tempo na igrexa de Santa María de Piñeira, en Taboada, fíxose unha pequena cata nun muro encalado e apareceu un fragmento de pintura que probablemente tamén é deste artista, aínda que o que se pode ver por agora é moi pouco», indica a este respecto.
Por outro lado, Carneiro opina que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural debería facer un seguimento dos murais das igrexas despois da súa restauración, sobre todo cando se trata de obras de especial valor como as de Nogueira. «O cal oculta os murais pero tamén os protexe e unha vez que se retira, as pinturas corren un risco de deterioración que habería que ter moi controlado», di. Ao seu parecer, os mesmos técnicos que realizan as restauracións, despois de rematar o traballo, deberían examinar una vez por ano o estado dos murais. «Ese labor debería ser realizado pola Xunta, porque conta cuns medios que o bispado de Lugo non ten», agrega.
Muros encalados por hixiene ou por cambios de gusto
Como sucedeu praticamente en todas os templos de orixe románica de Galicia, os muros interiores da igrexa de Nogueira foron recubertos con camadas de cal que ocultaron os murais pintados na época renacentista. Os motivos desta prática son variados, apunta Carnero. Por un lado, encalar as paredes dos edificios públicos foi unha medida de hixiene que se tomou repetidas veces durante as epidemias. Ademais, as pinturas fóronse afeando por causa da humidade e do contacto humano, polo que en moitos casos se decidiu tapalas. «Antes as igrexas non tiñan bancos e a xente seguía os oficios de pé, o que facía que se rozasen moito máis as paredes», di Carnero. «E tamén houbo momentos, como a época barroca, en que os gustos cambiaron moito e esas pinturas xa non eran apreciadas, polo que non había inconveniente en escondelas da vista», engade.
Unha obra excepcional en Monforte
O Mestre de Nogueira é considerado como o autor dos murais da igrexa monfortina de Baamorto , un caso excepcional en Galicia por ser unha das escasísimas pinturas renacentistas conservadas nun muro exterior. Carnero di que esta obra merece un coidado especial por tal motivo. Tamén hai pinturas deste artista nas igrexas de Ribas Altas -Monforte-, San Miguel do Monte -Chantada- e Entrambasaguas, no municipio de Guntín de Pallares