«Estudei a toponimia de 35 concellos de Lugo porque me apaixonaba moito»
Lemos
O crego e intelectual lucense aceptou unha conversa que quedou sen rematar porque a súa enfermidade xa non o permitiu
31 Jul 2017. Actualizado a las 14:25 h.
Nicandro Ares Vázquez, (Santa Eulalia de Bóveda, Lugo, xuño de 1926), faleceu e foi enterrado na súa parroquia natal o pasado luns, con 91 anos. Crego, profesor no Seminario de Lugo case toda a súa vida, reputado investigador da toponimia lucense e membro da Real Academia Galega, viviu sempre tan humildemente que lle custaba conceder entrevistas porque dicía que el «pouco tiña que contar». Hai algo máis de dous anos, cando xa estaba enfermo e a vista non lle permitía traballar, aceptou recibir a un antigo alumno para conversar sobre a súa vida e obra. Pero unha vez rematada a conversa, insistiu coa súa humildade habitual en que non contara ningunha cousa importante, e que a entrevista non tiña interese para ninguén. Tanto insistiu que quedamos en volver a falar outro día cando estivera máis descansado sobre a súa obra Estudos de toponimia galega para «redondear e ampliar» a entrevista para que aportase algo máis, segundo as súas verbas. Pero a enfermidade fóiselle agravando, ata o seu falecemento hai uns días, e nunca se puido completar. Deixala sen publicar sería unha inxustiza para un intelectual tan relevante en Lugo. Así que, vaia como homenaxe á figura de Nicandro Ares esta entrevista póstuma, gravada na súa casa, que el consideraba que «pouco tiña que aportar».
-¿Cómo foi a súa formación académica?
-Eu fun á escola no meu pobo de Santa Eulalia ata os 12 anos. E despois, no ano 1937, fun facer o exame de ingreso no Seminario de Lugo. Acórdome que mentres nos examinábamos, había avións da Guerra Civil que viñan da parte de Asturias voando sobre a cidade, e sentín por primeira vez soar as sirenas da alarma da guerra. Os cristais das ventás estaban todos cruzados con tiras de papel para que non romperan se bombardeaban. E había refuxios subterráneos na cidade, pero eu nunca os tiven que usar. Botei sete anos no Seminario, ata que me propuxeron se quería ir estudar a Comillas. Daquela xa tiña uns 19 anos e cursaba segundo de filosofía. Así que fixen a licenciatura de filosofía alí aínda que me retrasei un ano, porque me faltaban algunhas materias que non fixera en Lugo, e tiven que cursalas. E logo, a continuación, fixen alí a carreira de Teoloxía. Tiven que virme uns meses antes de rematala por unha enfermidade de pulmón que me colleu en marzo, antes de fin de curso. Volvín a Lugo, e grazas ao especialista Exiquio Sánchez Cuesta, saín adiante porque daquela apareceu a estreptomicina. Senón, xa non daban moito pola miña vida. Despois de marzo botei cinco meses na cama, e ordenáronme crego a final de ano, no 1951.
-¿A onde o enviou o bispo a exercer de crego?
-Aínda estiven un pouco convalecente na casa, hasta o 1952. E despois mandoume a unha sola parroquia pequena de O Incio, San Cristovo da Cervela, para que descansara un pouco. E alí estiven dous anos e medio. No 1955 chamáronme para dar clase no seminario. Empecei dando latín e despois houbo unha remodelación e pediume o bispo se me encargaba de Filosofía, porque tiña a carreira. E os primeiros alumnos que tiven xa celebraron as vodas de ouro como curas. E así continuei dende entón, como profesor no Seminario e dedicándome á filosofía. Estiven moi a gusto, porque a min gustábame a filosofía. Aínda que tamén dei Grego, Latín, Historia, e varias. Foi a miña vida.
-¿E cando empezou coas publicacións científicas?
-Empecei a publicar en 1960. Os primeiros foron tres traballos sobre tres gravados no pórtico de Santa Eulalia de Bóveda no boletín da comisión de patrimonio. E despois empecei a publicaren El Progreso cousas de toponimia, porque me gustaban a min. E logo viñeron moitos traballos de toponimia xa máis traballados, que foron os recollidos nestes tomos. (Estudos de toponimia galega). Acabei por estudar a toponimia de 35 concellos da provincia, porque me apaixonaba moito. Para min era unha afección. Algunhas cousas dos primeiros tempos, hoxe non as tivera publicado, pero xa se sabe que o primeiro millo é para os paxaros. Dediqueilles incluso artigos a amigos como Faxilde ou a Sergio Míguez sobre os seus pobos ou os seus nomes ou apelidos.
-¿Onde publicou a maior parte dos traballos antes de ser recopilados nos tomos por Antón Santamarina?
-Estando Argimiro López Rivas como bibliotecario do Seminario, foi cando el fundou a revista Lucensia, e aí empecei a publicar en tromba a toponimia dos concellos lucenses. Foron 35 porque eran os da provincia que pertencían á diocese de Lugo. Da de Mondoñedo solo publiquei dous, o de Viveiro e a toponimia do concello de Mondoñedo, na revista de Estudios Mindonienses. Centreime na diocese de Lugo porque cos documentos da catedral de Lugo, un arquivo precioso de documentos medievais, eran unha luz para o estudio dos topónimos. Aínda que a min me gustaba moito a toponimia de sitios doutras dioceses como Cospeito, porque ten nomes raros, como Desecabo, Roás, Momán, Sisoi ou Xermar. Nomes curiosos que pensei moitas veces, aínda que non estudei.
-¿E agora xa non continúa?
-Agora xa non podo, porque non vexo. Solo algún detalle. Agora estou obrigado a cerrar, aínda que me sigue gustando. A última entrega vai salir en Lucensia. O nome das penas en Santa Eulalia de Bóveda, con nomes bonitos como Pena do Édramo, que é unha palabra pre latina, indíxena, probablemente de orixe celta. Unha palabra que acaba non sufixo dun superlativo, igual que Guísamo ou Páramo.
-¿Tamén escribiu do Camiño Primitivo en Lugo?
-Estudeino desde Lugo hasta o límite coa provincia de Coruña. Collín o camiño que fixo Carlos III, que se publicaron no Dicionario Xeográfico de Madoz, que pasaba sobre o camiño Medieval, e este sobre o camiño primitivo, e este sobre a vía romana. Atopouse incluso en San Román da Retorna un miliario de Calígula do ano 28, desa vía.
«Hai pobos de nomes preciosos e raros, como por exemplo Roás, Momán, Xermar ou Sisoi, en Cospeito»
-¿Cómo ve a xestión dos nosos monumentos e dos restos arqueolóxicos en Lugo?
-Á muralla deulle un pulo moi grande ser patrimonio da Humanidade, porque polo menos agora xa está limpa. O Museo Provincia é moi importante para min en canto a epigrafía, cunha cantidade enorme de lápidas do mundo romano. Pero as ventás arqueolóxicas sobre os mosaicos e outros restos, non se ven moi ben. Habería que traballar un pouco máis para dignificar todo iso, porque creo que non conseguen o efecto de ser atractivas e didácticas ao mesmo tempo.
-¿E cando se vai saber exactamente que foi o monumento de Santa Eulalia de Bóveda?
-Santa Eulalia sigue sendo un enigma. Henrique Montenegro está investigando, (na data da entrevista aínda non presentara a súa tese) e xa veremos se da solo un paso máis na investigación ou se chega á luz plena. Pero o bonito e tamén curioso é que Santa Eulalia de Bóveda ten moito máis prestixio fora que aquí. En Lugo pregúntaslle a moita xente e non saben que é nin onde está, e sen embargo, vas alí e atópaste con moitos estranxeiros case todos os días facendo visitas.
-Vostede que cultiva a humildade sen límites, ¿Cómo lle gustaría quedar no recordo dos lucenses? ¿Ou que lle gustaría que puxesen no seu epitafio?
-Nada. No meu epitafio debería poñer soamente «Descanse en paz».
«No meu epitafio debería poñer soamente: Descanse en paz»
«O Camiño Primitivo, dende Lugo á provincia da Coruña, sigue o trazado romano»