Alberte Montes, un actor de Quiroga en «Fariña»
Lemos
03 Apr 2018. Actualizado a las 05:00 h.
O actor e humorista quirogués Alberte Montes aparecerá mañá no quinto episodio da coñecida serie televisiva Fariña, emitida por Antena 3 e baseada no libro homónimo do xornalista Nacho Carretero. Montes interpreta o personaxe do narcotraficante arrepentido Manuel Padín, cuxo testemuño foi clave para levar a cabo a chamada Operación Nécora, promovida na década de 1990 polo xuíz Baltasar Garzón e o fiscal Javier Zaragoza. O actor quirogués participará tamén nos restantes capítulos da serie.
Natural da localidade de Anguieiros, Alberte Montes reside habitualmente en Barcelona. Ademais de actor de teatro e cinema, ten traballado como guionista, director e locutor. Hai anos actuou nas longametraxes El olivo, de Icíar Bollaín, e REC 4, de Jaume Balagueró. Participou ademais en diversas curtametraxes. Como monologuista de humor ten actuado en diversas localidades do sur lucense.