Vilelos recuperou a súa festa do lume coa queima de case medio cento de fachas
Lemos
As fotos do Folión das Fachas de Vilelos 2022
Os veciños levaban dous anos agardando para celebrala sen limitacións>
26 Sep 2022. Actualizado a las 19:37 h.
Vilelos recuperou este venres o seu Folión das Fachas. E a festa volveu con forza, porque os veciños desta parroquia do Saviñao prendéronlle lume a case medio cento de fachas feitas por eles a man cos agucios que foron recollendo no monte durante as últimas semanas. E a pesar de armar tantas aínda lles sobrou material para chantar no medio do campo da festa un máis de case oitos metros de altura. A de Vilelos é unha das tres festas do lume que quedan na Ribeira Sacra, xunto coa de Castelo, no veciño concello de Taboada, e a de Castro Caldelas.
A festa de Vilelos celebrouse este venres e a queima foi como sempre a medianoite, pero a animación comezou antes, pouco despois de que se fixese de noite. Pero o acto central da xornada é sempre a queima das fachas que os veciños foron levando durante a tarde desde as súas casas ao campo da festa, onde quedaron preparadas ata a medianoite. A esa hora, cada un foi pola súa para irlles prendendo lume unha a unha e subilas a pé ata o castro da Besta, o lugar elevado no que veciños e visitantes as viron consumirse pouco a pouco. Na subida a pé ata o castro, os participantes levaron 46 fachas acesas e foron acompañados polo grupo de música tradicional Fiadeira, de Antas de Ulla.
Unha de oito metros
Pero este ano o lume durou un pouco máis do habitual, porque ademais das fachas feitas para que a xente as subise ao castro tamén se armou unha moito máis grande que foi chantada no medio do campo da festa. Medía perto de oito metros e estivo ardendo durante unha hora e cuarto. Mentres ardía, no campo da festa actuou o grupo musical Comando Curuxás.
O Folión das Fachas de Vilelos non se celebraba desde o 2019, aínda que no 2020 e o 2021 algúns veciños queimaron fachas de xeito individual e para evitar que esta tradición faltase e mantela aínda que fose só de maneira simbólica. A festa está organizada pola asociación de veciños San Martiño de Vilelos, que este ano contou coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, que financiou as actuacións musicais, e do Concello do Saviñao.
Este ano, o traballo de elaboración das fachas resultou un pouco máis difícil porque a sexa fixo que escaseasen os agucios, o arbusto tamén coñecido como abrótea e que é co que se fan. Os veciños recollen os seus talos secos para, unha vez entrelazados, utilizalos como combustible.