La Voz de Galicia

O tesouro etnográfico esquecido da Ribeira Sacra está en Chantada

Lemos

Roi Fernández Chantada Unha artesanía pouco coñecida
Dosinda Novoa, na súa casa de Santiago de Riba cunha das xerras que facía o seu home

A familia de Antonio Lemos conserva as súas xerras de vimbio, as ferramentas e o coñecemento para facelas

15 Oct 2022. Actualizado a las 11:16 h.

Na aldea ribeirá do Reguengo, en Chantada, consérvase un legado artesanal único, o de Antonio Lemos Suárez, O Xerreiro de Santiago da Riba. Feitas con vimbios e impermeabilizadas con pez, as xerras de vergaza constitúen un tesouro etnográfico da cultura do viño na Ribeira Sacra.

Son as xerras de vergaza —ou xerras, sinxelamente, como se refiren a elas en Santiago da Riba— un elemento senlleiro da artesanía esquecida da Ribeira Sacra. Ligadas directamente co mundo do viño, son, ou mellor dito, eran usadas para o mesmo que se emprega calquera xerra, sexa de cristal, barro, ou dalgún polímero moderno apto para o uso alimentario; aínda que case sempre se usaron para o viño, pero coa particularidade de seren feitas a man con dous materiais de orixe vexetal: a madeira de dous tipos de salgueiro e a pez.

Santiago da Riba é unha parroquia nas abas do Miño en terras de Chantada e O Reguengo un lugar da mesma onde naceu, vivíu e finou, hai xa 15 anos, o 23 de agosto do 2007 o artesán do que estamos a falar, Antonio Lemos Suárez. Aprendeu Antonio a arte de facer estas xerras cando era cativo nalgún lugar da parroquia, tamén miñota, de Sabadelle. O Xerreiro non levou en van este alcume, pois puido exercer a actividade artesanal no seguramente escaso tempo que o seu traballo lle deixaba e aínda así ser quen de fabricar unha boa partida de xerras para a sua venda. Das pequenas podíanse facer varias, pero cando había que facer unha dunha ola de capacidade podía ocuparlle unha xornada completa.

Antonio Lemos morreu hai 15 anos, pero a súa familia garda as ferramentas que empregaba para traballarROI FERNÁNDEZ

Francia e Suíza

Antonio era «de profesión el campo», como dicía aquel «Salustiano» da canción de Carlos Cano, e igual que a tanta xente do rural galego tocoulle emigrar, pero non a Alemaña como o protagonista do tema referido. Marchou a Francia e logo a Suíza, concretamente neste último país instalouse en Saas Fee, unha localidade do cantón de Valais coñecida como a perla dos Alpes. A sua valía como bon traballador levouno a ser o único extranxeiro que desempeñaba funcións para a administración local de Saas Fee.

Cómpre advertir que hoxe non hai relevo xeracional para a elaboración das xerras de Antonio Lemos Suárez. Iso de momento, porque ao mellor se pode retomar. Por sorte, Dosinda Novoa López, a viúva de Antonio, e os seus fillos e netos foron quen de preservar ferramentas, plantillas, gardar na sua memoria o xeito de traballar os materiais, fotografías do artesán traballando —moi útiles para ilustrar estas liñas, ademáis do valor didáctico e documental— así como unha pintura enmarcada que pendura na parede do comedor da casa. E, como non, tamén gardan xerras, xerras de varios volumes nas que se aprecia a elegancia das formas e a finura e a precisión dos remates do entramado.

 O primeiro paso

Partíase dun armazón de pezas de salgueiro, Salix atrocinerea. Esa é case que con toda seguridade a árbore á que se refire Dosinda, dado que é a especie de salgueiro máis abundante en Galicia. Estas pezas do comezo teñen forma de peixe, pois na parte menos ancha permite estreitar a xerra. Son de variados tamaños, elaboradas a partir dunhas orixinais que se conservan na casa e que permiten a fabricación de distintos volumes; os pequenos para xerras duns 3/4 de litro, e os outros de 2 litros, de media ola e 10,5 litros e dunha ola e 21 litros. A partir de esa armazón comezábase a entramar o outro tipo de salgueiro, o vimbio, Salix vimialis. «Todo en seco, o salgueiro e os vimbios e a maiores había que quitarlle a cortiza fina e cortala de arriba a abaixo», apunta a viúva de Antonio. É neste traballo da xerra onde se aprecia a destreza e habilidade do artesán, que axudado cun pequeno ferro vai achegando a trama case que a xeito de tear.

Pouca ferramenta se precisaba para este oficio, máis alá da machada e a coitela para cortar o salgueiro; unhas tesoiras para o vimbio; unha curiosa peza de madeira rematada nun extremo en tres aristas e en catro no outro para dividir os vimbios segundo a utilidade que se lle ían dar, ben para conseguir tiras máis grosas ou máis finas, unha especie de táboa con duas coitelas acopladas para pelar os vimbios; un martelo pequeno e un recipiente a xeito de cacerola para fundir a pez.

 

Antonio Lemos, en plena faena, ninha fotografía antigaROI FERNÁNDEZ

Pez en bloque

Dosinda non recorda onde compraba o seu home a pez, pero si que «viña en bloque en caixas de madeira e había que rompelo en anacos para derretilo quentándoo nun pote de metal». Despois aplicáballe un proceso de baño interior para garantizala súa impermeabilidade. «Antes de botarlle a pez dentro —continúa—, poñíase a xerra boca abaixo sobre a pez quente para facerlle o borde da boca polo interior e polo exterior uns dous centímetros, logo ao botarllo dentro, movíase xirando para que o baño cubrise todo o interior até xuntarse co da boca».

Unha vez rematadas as xerras, este artesán de Santiago de Riba vendíanse a través de dúas canles. Ou ben os clientes ían ao Reguengo mercalas directamente ou ben Antonio levába unha partida delas ao desaparecido restaurante Catro Camiños, en Chantada, onde Sarita, a dona do establecemento, llas mercaba para revendelas á sua clientela. Curiosamente, o xerreiro Antonio non as vendía nas feiras de Chantada. Era un vendedor habitual do afamado rianxo da ribeira de Chantada na praza do Mercado e nos soportais da rúa do Comercio.


Comentar