La Voz de Galicia

O ralli turístico Terras do Incio recorrerá este ano O Courel, a Ribeira Sacra e A Mariña

Lemos

Na foto, un dos coches históricos que participou no Ralli Terras do Incio que se celebrou no 2020

Será entre o 5 e o 11 de setembro e participarán vehículos históricos de marcas como Mercedes, Aston Martin, Ferrari o Jaguar

04 Sep 2023. Actualizado a las 12:17 h.

Unha vintena de vehículos clásicos participarán na nova edición do Rally Turístico Terras do Incio, que se celebrará do 5 ao 11 de setembro entre a Ribeira Sacra e a Serra do Courel. Os amantes do motor, tanto nacionais como internacionais, traerán auténticas xoias sobre rodas, modelos con historia de Mercedes, Aston Martin, Masserati, Ferrari ou Jaguar.

O rally comezará este ano no concello de Sober, por onde circulará este martes a primeira etapa.

O mércores a protagonista será a Ribeira Sacra, con parada en Castro Caldelas e visita ao Museo do Ferrocarril de Monforte de Lemos.

En canto ao xoves, as que verán pasar estes coches serán as Terras do Incio, que é onde tivo a súa orixe este rally turístico. Nesta terceira etapa, os participantes bordearán a serra do Caurel, gozarán do Val do Mao e recuperarán forzas cun xantar campestre con polbo e caldo galego na contorna do encoro de Vilasouto.

Pero este ano, o Rally Turístico Terras do Incio pasará tamén pola comarca da Mariña. Despois dunha parada no municipio coruñés de Arteixo, que servirá para vivistar o Museo de Automoción e Historia (MAHI), o rally partirá cara a Ribadeo. Nesta edición, o rally deterase tres días nesta localidade, con visitas ao seu casco histórico, a praia das Catedrais, a capela das Virtudes e as Casas Indianas.

E o sábado, os participantes no rally pasarán a Asturias o sábado, con paradas en Cudillero e Luarca. O domingo volverán a Galicia, pola Pontenova, Taramundi e os Teixois. A fin de semana rematará cunha festa Indiana no Parador de Ribadeo.

O último día do rally, o luns 11 de setembro, o rally despedirase cun percorrido polo monte de Santa Cruz e cunha visita especial á fábrica de cerámica de Sargadelos.

 


Comentar