As uvas da ira
Lemos
06 Sep 2024. Actualizado a las 19:18 h.
ARibeira Sacra é unha terra na que a viticultura é histórica como fonte de rendas. Así as mans que labran a terra foron perfilando unha das paisaxes máis impactantes do mundo, hoxe candidatura a patrimonio mundial.
No ano 2023 e 2024 o Goberno da Xunta coroa as súas políticas para o noso territorio convertendo a viticultura en secundaria e vende a paisaxe como recurso turístico e cultural, sen ter en conta o máis obvio, sen vides non hai paisaxe vitivinícola peculiar.
Nin os plans de mobilidade, ou sustentabilidade turística, nin «as axudas á paisaxe» valerán para nada se non chegan a quen realmente a mantén, os viticultores.
Estamos no 2024, ás portas da vendima, e a denominación de orixe protexida máis pequena de Galiza vai deixar sen recoller a uva de máis do 30% dos pequenos produtores porque o mercado non é quen de absorber esa produción. Logo, señorías da Xunta como é posible que se autoricen novas plantacións? Queren vostedes pechar as ribeiras? Como acadarán a declaración de patrimonio da humanidade sen elas? Que pasará con nós, a comunidade local, que vivimos en todo ou en parte desa viticultura máis que heroica resistente ás penurias que as políticas da Consellaría de Medio Rural deixan tras de si?
Como é posible que non se teñan activado medidas de intervención da produción ou do mercado co que acontecera o ano pasado? Como é posible que o antigo conselleiro de Medio Rural prometese en decembro do 23 unha destila de crise a dous euros que agora chega a un euro, tarde, mal, arrastro e con máis problemas ca solucións?
Hoxe con este artigo, señorías da Xunta pretendo convidalos a unha reflexión, como pretenden subir ao ático sen asentar os cimentos? Non deixen caer aos pequenos viticultores con eles irase un xeito de vida que a min me doe no afectivo, pero tamén se irá esa paisaxe da que presumen nas fotos, e a propia candidatura na que levan gastados moitísimos recursos públicos que non terán valido para nada se non chega ás mans que labran a terra.
Como na obra mestra de John Steinbeck hoxe na Ribeira Sacra «crecen nos nosos corazóns os froitos da ira, e estamos en tempos de colleita». Non permitan que a ira lle gañe ás uvas, e déannos unha saída real que afaste aos viticultores do «inferno da explotación» porque asinarán a defunción das nosas ribeiras, e con ela calquera posibilidade de sermos Patrimonio Mundial.