Ciclo de cinema en Vilalba, Sarria, Chantada, Foz e A Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón
Presentan unha nova iniciativa para promover o audiovisual galego na provincia de Lugo
27 Jan 2022. Actualizado a las 23:42 h.
A Vicepresidencia da Deputación e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) únense para difundir o audiovisual galego cun ciclo de proxeccións das longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo en Foz, Vilalba, Chantada, Sarria e A Pobra do Brollón.
Este circuíto de cinema galego comezará en marzo e proxectará unha película ao mes en cada unha das localidades, como sinalaron na presentación a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o guionista lucense e vicepresidente da AGA, Pepe Coira. En cada localidade proxectaranse oito longametraxes: as catro finalistas ao premio á mellor longametraxe de ficción e as catro finalistas na categoría de mellor documental, que se coñecerán en febreiro.
A AGA tamén porá en marcha a web ciclomestremateo.gal, na que se poderá consultar toda a información do ciclo: películas da programación, salas de proxección, novas e actualidade.
No acto de presentación participaron tamén representantes dos concellos e asociacións que colaboran no ciclo, entre eles, o alcalde da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda; Luis Díaz Abad e José López Campo, do Cineclube Leslie Nielsem de Sarria; e Marisa Barreiro, do Instituto de Estudos Chairegos. Tamén colaboran coa iniciativa a concellería de Mocidade de Foz e Airoá Comunicación de Chantada.