La Voz de Galicia

Os Amigos do Filandón do Courel homenaxearán ao músico Xan de Vilar

Folgoso do Courel

Xan de Vilar tocando o corno na presentación do Filandón de Músicas do Courel diante do monumento á cantora Elvira Touzón, nunha imaxe de arquivo

O acto celebrarase en Quiroga o 5 de maio

26 Apr 2019. Actualizado a las 19:51 h.

A asociación Amigos do Filandón celebrará o 5 de maio unha homenaxe pública a Juan Sánchez Rodríguez, máis coñecido por Xan de Vilar, músico e divulgador das tradicións populares da Serra do Courel. O acto celebrarase en Quiroga a partir das 13.00 horas e comprenderá unha actuación do grupo de gaitas O Recanto. Ás 14.00 horas celebrarase un xantar no restaurante O Rego, na rúa Camilo José Cela. O homenaxeado recibirá a medalla de ouro da Real Banda de Gaitas da Deputación e Ourense e haberá tamén declamacións de poemas e actuacións musicais por parte de membros da asociación que organiza o acto. As persoas que queiran participar no xantar poden facer as súas reservas chamando aos teléfonos 982 256 954 e 609 460 587.

Os promotores do acto definen a Xan de Vilar como «digno continuador da tradición musical dos vellos gaiteiros de Vilar do Courel». O músico, que tamén é intérprete de clarinete, ten participado en todas as edicións do Filandón de Músicas do Courel -que sempre se abre cunha chamada de corno tocado por el- e é un dos informantes que participaron na elaboración dos libros da serie Músicas do Courel, editados por Xosé Lois Foxo. Por outra parte, colabora habitualmente en todas as actividades relacionadas coa cultura tradicional da serra, como a Festa da Pisa da Castaña. Xan de Vilar é así mesmo, o creador dun pequeno museo privado instalado na súa vivenda, na localidade de Vilar, onde reuniu numerosos utensilios característicos da cultura popular da comarca.

 


Comentar