Monforte dedícalle a súa Casa da Cultura a Lois Pereiro
Monforte de Lemos
A familia do escritor agradece un xesto que abre a programación especial pensada para divulgar a obra deste escritor na súa cidade
13 Apr 2015. Actualizado a las 14:00 h.
A Casa da Cultura e a biblioteca pública de Monforte levan dende onte o nome de Lois Pereiro. Familiares do escritor, falecido en 1996 e ao que lle foi dedicado o Día das Letras do 2011, agradeceron o xesto durante os actos que o Concello tiña organizados para facer oficial este dobre bautizo. A convocatoria serviu ademais para dar por empezada a conmemoración do Ano Lois Pereiro en Monforte, unha iniciativa municipal pensada para divulgar desde a súa cidade natal a obra do autor de Poesía última de amor en enfermidade.
A cerimonia empezou pouco despois das doce do mediodía. Pouco antes, quedaba destapado o rótulo colocado esta semana na fachada do edificio da praza de España que comparten a biblioteca e a Casa da Cultura. Alí estaban representantes do Concello e de todas as forzas políticas, con representación na corporación local e sen ela. Tamén do Partido Popular, a pesar de que no seu momento esta formación política acolleu con reticencia a decisión de darlle o nome de Pereiro á Casa da Cultura.
Estaba previsto que falase o alcalde, Severino Rodríguez, pero onte tivo que saír de Monforte por un problema familiar inesperado e non puido acudir. Encargouse de substituílo María Xosé Vega, tenente de alcalde e amiga persoal do homenaxeado, que celebrou a decisión da Academia Galega de dedicarlle ao autor monfortino un Día das Letras e tamén a decisión do Concello de renderlle cinco anos despois a súa propia homenaxe «en Monforte, a cidade cosmopolita que el tanto amou e na que se sentiu tan amado».
Tras os discursos, os responsables municipais entregáronlle un ramo de flores á nai e aos dous irmáns de Lois Pereiro e entraron canda eles na Casa da Cultura. No primeiro andar, a familia estreou na biblioteca os selos coa efixie de Lois Pereiro que serán empregados a partir de agora para rexistrar as entradas e saídas de libros. E fixeron entrega dunha reprodución da revista Loia editada por Pereiro e outros estudantes galegos a finais dos anos setenta en Madrid, unha biografía do autor e tres libros coas súas obras completas en galego, castelán, inglés e búlgaro.
Pouco antes da unha, a homenaxe seguiu cunha lectura de poemas de Lois Pereiro no salón de actos da Casa da Cultura. Participaron escritores como Manuel Rivas, Mercedes Queixas ou Cesáreo Sánchez Iglesias. Esta primeira gran cita do Ano Lois Pereiro completouse pola noite cun concerto na mesma praza de España cos grupos os Tres Trebóns e Vera Lynn.
«Grazas a Monforte por dedicarlle a Lois unha biblioteca, eses lugares eróticos que acollen a todos»
Manuel Rivas
«Moito mellor que un buque de guerra ou un paseo marítimo»
«A biblioteca é o refuxio para estar no trópico as noites de néboa ou nos glaciares os días tórridos». Así agradecía o xornalista Xosé Manuel Pereiro a decisión do Concello de darlle o nome do seu irmán precisamente á Casa da Cultura e á biblioteca que ten dentro. De entre todas as posibles, é unha das cousas máis atinadas para dedicarllas a un escritor. Moito mellor, ironizou, «que un buque de guerra ou un paseo marítimo». Na mesma idea incidirían despois algúns dos escritores que participaron na lectura de poemas no salón de actos da Casa da Cultura, como Manuel Rivas.
Onte estreouse ademais do rótulo da fachada que identifica co seu novo nome oficial a Casa da Cultura, unha nova decoración coa efixie de Lois Pereiro nas portas de acceso á biblioteca pública.