As xornadas do Camiño de Inverno dedicaranse ao patrimonio inmaterial
Monforte de Lemos
As actividades celebraranse en Monforte e Sober entre o 13 e o 15 de setembro
16 Aug 2019. Actualizado a las 13:09 h.
O patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra será o eixo da edición número dezaseis das Xornadas Científicas do Camiño de Inverno, que se celebrarán en Monforte entre o 13 e o 15 de setembro. Esta edición, por outra parte, tamén está dedicada ao municipio monfortino. As actividades comezarán no Centro do Viño da Ribeira Sacra ás 19.00 horas do día 13 cun acto inaugural presidido pola directora xeral de Turismo, Nava Castro, e o alcalde José Tomé. Media hora máis tarde, Ana Goy Diz, catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago, ofrecerá unha conferencia titulada «A la búsqueda del valor universal excepcional de la Ribeira Sacra». Ás 20.30 horas haberá un concerto comentado sobre o pito pastoril galego a cargo do músico e profesor Efraim Díaz.
O sábado, ás 10.30 horas, haberá unha visita guiada ao Colexio da Compañía a cargo de Javier Agudo. Ás 12.30, Víctor Vázquez Portomeñe -antigo conselleiro de Cultura- dará unha conferencia sobre «O valor inmaterial dos Camiños de Santiago». Pola tarde, ás 16.15 horas, levarase a cabo un percorrido guiado polos miradoiros do Duque e Pena do Castelo, situados respectivamente en Monforte e Sober. A actividade será dirixida por Alfonso Campos, investigador do patrimonio oral da Ribeira Sacra, quen falará sobre as lendas e tradicións relacionadas co canón do Sil. Ás 19.30 horas haberá unha visita guiada á adega Regina Viarum, en Sober.
Para o domingo 15 está programado un percorrido a pé polo Camiño de Inverno que irá desde a parroquia de Cereixa -na Pobra do Brollón- ata Monforte. O participantes sairán en autobús desta última localidade ás 9.00 horas para comezar a camiñada ás 9.30. En Monforte haberá despois unha visita guiada polo conxunto monumental de San Vicente do Pino a cargo de Felipe Aira, investigador da historia local. Ás 13.00 horas celebrarase no parador un coloquio sobre as tradicións orais da Ribeira Sacra e ás 14.00 haberá un acto de clausura presidido por Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021. Seguidamente celebrarase un xantar de confraternización. Pola tarde, ás 16.30 horas, haberá unha visita guiada ao pazo de Tor. Ás 18.00 horas ofrecerase neste mesmo lugar un concerto do músico Xosé do Incio, intérprete de zanfona, que tamén falará o sobre os cantares improvisados coñecidos como regueifas.
As xornadas son organizadas pola asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra co apopio da Sociedade Anónima do Xacobeo, a Universidade de Santiago, o Concello de Monforte, o museo do pazo de Tor, o Centro do Viño da Ribeira Sacra, o colexio Escolapios, o parador de San Vicente e a adega Regina Viarum. Para participar nas actividades hai que realizar unha inscrición previa, o que se pode facer ata o 10 de setembro chamando aos teléfonos 608 575 965, 630 508 872 e 686 732 39. Para inscribirse hai que pagar unha cota que pode ser de quince euros se é só para participar nas actividades do 14 e de 22 euros para as do día 15. Tamén é posible inscribirse para todas as xornadas abonando 25 euros.