La Voz de Galicia

José Tomé: «É moi raro que me cabree»

Monforte de Lemos

JORGE CASANOVA Presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte

O presidente da Deputación de Lugo ten una viña na Ribeira Sacra na que se relaxa da actividade política

19 Sep 2019. Actualizado a las 23:52 h.

Falo con José Tomé (Guitiriz, 1958) no seu despacho de Lugo, que non é pequeno. Está contento. Tivo en Monforte os mellores resultados da súa vida nas eleccións municipais polo PSOE, tan bos que lle permitiron poñerse á fronte da Deputación de Lugo. Ten xa dous netos que lle fan sorrir e unha viña na que se desestresa. Así que, loxicamente, outra voltiña electoral non lle dá pereza ningunha. Ten o vento a favor.

 

-Que tal na Deputación? A verdade é que entrou pola porta grande.

-Pois si. Tomei posesión como deputado provincial por primeira vez e aos poucos minutos elixíronme presidente. De momento vai todo moi ben, non teño tempo para aburrirme.

-Outra vez eleccións. Dálle preguiza?

-Prefería que non as houbera, pero se os que teñen que facilitar a formación dun Goberno non o fan pois non queda outra solución. O problema non é votar; os problemas empezan cando non se vota. E os que ocupamos estes cargos, aínda que as campañas supoñen un esforzo, temos que explicarlles aos cidadáns por que estamos onde estamos.

-E se Sánchez tivese pactado con Ciudadanos que lle tería parecido?

-Eu prefería un goberno do PSOE en solitario. Ciudadanos está pactando coa ultradereita.

-Hai uns anos falouse moito da vixencia das deputacións. Superamos o debate?

-Foi un debate inventado. Hai que ir mellorando as Administracións, pero coa despoboación do rural hai moitos concellos que serían inviables sen un órgano como a Deputación.

-Agora viaxará máis. Ten coche o cargo de presidente?

-Si. Sempre viaxei moito. Cando estaba na executiva de UXT viaxaba todos os días a Santiago, e logo cando fun deputado tamén. E sendo alcalde, porque sentado no despacho non se arranxan as cousas.

-Se ten chofer non lle poñerán multas.

-A min non me gusta correr. O que hai é que saír cedo. No coche non vou mirando a paisaxe: vou traballando seguido. É unha continuación do despacho.

-Tanta viaxe, despacho... Como se desestresa? Fai deporte?

-Para o deporte non teño tempo. A verdade é que non son moi deportista. Pero tamén é certo que non me estreso moito. Son unha persoa tranquila, é moi raro que me cabree. Teño unha pequena viña na ribeira de Chantada e gústame ir alí. Iso si que me relaxa moito.

-Trabállaa vostede?

-Si, si. É un terreo pequeno; tres ferrados máis ou menos.

-Canto produce?

-Pouco. Podo moi curto para que non dea moito. Entre mil e mil cincocentas botellas, segundo o ano. É para autoconsumo, para os amigos e para facermos unha churrascada.

-Envioulle algunha a Pedro Sánchez?

-Non. Eu nin sequera etiqueto. Non as podo mandar.

-Que é o que menos lle gusta da política?

-Os inventos e as mentiras. Cando criticas honestamente estás a facer o labor de oposición, que é lexítimo. Pero cando algún se dedica a enganar a xente a min cáeme moi mal.

-Cando era pequeno, que quería ser de maior?

-Pois nin me acordo.

-Non quería ser bombeiro ou futbolista...?

-De pequeno gustábame moito o fútbol, e a xente de Guitiriz sempre tirou moito para A Coruña. Eu tiña familia alí, e ía ver o Deportivo cando aínda había que sentarse no cemento. Eu recordo ver o Deportivo en Terceira División xogando contra o Gran Peña, por exemplo.

-Xa podo aforrar logo a pregunta de «Celta ou Dépor?».

-Si. Totalmente do Dépor.

-Vai subir?

-Pois tal e como empezou teno complicado. Pero ao que temos que salvar é ao Lugo.

-Explique a provincia de Lugo en poucas palabras.

-É a provincia máis rica en diversidade. Ten unha costa moi bonita, coa praia das Catedrais; toda a chaira de Lugo, que é das zonas de maior produción de leite do Estado; o contorno da capital; a montaña dos Ancares e O Courel, espectacular, e logo temos...

-A xoia...

-O val de Lemos como capital da Ribeira Sacra.

-Agora fale de vostede con poucas palabras.

-Son traballador e con conviccións firmes. E tamén son leal.

-Xa ten netos, non?

-Dous. Ser avó é un grao, e os netos valen un imperio.

-Invítano a cear a mesma noite Cayetana Álvarez de Toledo, Leo Messi, Pilar Rubio e Pérez-Reverte. Con quen vai?

-Con Cayetana non. Messi é moi aburrido, e Pérez-Reverte.... Quizais con Pilar Rubio, que é máis guapa ca os outros tres.

-Arrepíntese de algo?

-Non. Conscientemente non fixen dano a ninguén. O resto son cousas da vida.

-É escravo do móbil?

-Un pouco si, pero tamén axuda moito.

-Cal é o seu lugar favorito?

-A miña bodega.

-Dígame unha canción.

-O carro, de Fuxan os Ventos [e cántaa].

-Que é o máis importante na vida?

-A felicidade.


Comentar