O asombro
Monforte de Lemos
15 Sep 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Vimos de celebrar a quinta edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, promovidas polo Concello. Como todos os anos desde que as convocamos, tivemos un gran éxito de público, tanto de veciños da vila ou da comarca como doutros puntos de Galicia. Cando alguén se sorprende polo ben que funcionan, eu sempre contesto o mesmo: «O poder da historia local». Na Pobra, en Monforte ou no Rosal. A cultura sempre funciona cando é próxima ás persoas.
Nas xornadas puidemos asistir a unha das reaccións máis fermosas para quen nos dedicamos á divulgación cultural: o asombro ante o que non se coñecía e estaba aquí ao carón podendo aprecialo.
Vivimos nun país no que todo o pasado, o que nos ensinaron nas escolas ou o que vemos na tele, sucede lonxe de nós. Se iso pasa con Galicia, xa nos imaxinamos que sucede ao máis modesto nivel dos concellos. Así que estas xornadas permiten aos veciños descubrir que tamén temos un pasado que nos explica e co que podemos establecer relacións.
Desta volta, os veciños souberon dos antigos cemiterios perdidos no monte, da complexa mensaxe relixiosa do inacabado panteón que foi a capela da Alba da igrexa do Castelo, de como a Pobra se salvou de milagre de ser destruída polos franceses, do temperá que foi a chegada da electricidade ao concello, e de como a fábrica da luz do Pozo rematou en traxedia.
Non houbo ninguén —incluído eu mesmo— que non se sorprendera por algo do que se contou. Nun mundo no que aparentemente está todo a man e todo se sabe, o asombro resulta un alivio.