La Voz de Galicia

Memoria póstuma dun alumno dos Escolapios de Monforte nos anos 50

Monforte de Lemos

francisco albo monforte / la voz
O pintor e escritor José Porto nunha imaxe tomada no seu estudio no 2012

Publican un libro de recordos do artista ourensán José Porto, coñecido como Yosso, que foi estudante deste centro na súa infancia

01 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Monforte, 1951-52 é o título dun libro recén publicado pola editorial monfortina Agrasar que foi presentado publicamente nun acto celebrado no colexio Escolapios. A obra, firmada por Xosé de Valbuxán —como outras que publicou o autor—, foi escrita por José Porto García, natural do concello ourensán do Bolo e máis coñecido polo nome artístico de Yosso, un pintor de amplo prestixio falecido no 2019 que desde o 2022 conta cun museo dedicado á súa obra no seu municipio natal. Nado en 1943, Porto ingresou no colexio Escolapios de Monforte cando lle faltaban cinco meses para cumprir os nove anos de idade. «É un libro de memorias no que o autor recorda o tempo que pasou neste colexio e as súas lembranzas do Monforte da época», explica o editor Jacobo Martínez.

Natural da localidade de Valbuxán, na parroquia bolesa de Vilaseco, José Porto converteuse en alumno interno do colexio monfortino debido a que un tío seu, Vicente García, exercía entón como profesor neste centro, onde traballou durante 22 anos. «Como na familia vían que era un neno moi intelixente, pedíronlle ao tío que o levase con el a Monforte para darlle unha boa educación», explica a xornalista Manola Porto, sobriña do falecido artista e escritor, que xestionou a publicación da obra.

José Porto pasaría case dous anos no colexio monfortino. Durante ese tempo, para el foi moi importante a influencia dun dos profesores do centro, o padre Santiago, a quen recordaría con gran aprecio durante toda a súa vida e a quen está dedicado o libro de memorias. «O padre Santiago era quen máis o defendía, máis que o seu propio tío, que o castigaba bastante para dar escarmento aos demais», conta a súa sobriña.

Na súa obra, Porto rememora a vida dos alumnos do colexio monfortino, que neses tempos a miúdo eran levados a axudar nas misas que se oficiaban nas igrexas do convento de Santa Clara e de San Vicente do Pino. «Narra as súas vivencias persoais, como cando colleu unha barca no Cabe, perdeu un dos remos e foise río abaixo ata que alguén o salvou», comenta pola súa parte Jacobo Martínez. «Fala tamén da súa primeira borracheira, a unha idade moi temperá, ou de cando estiveron velando a un sacerdote recén falecido dentro do colexio e acabou quedando só co cadáver durante a noite», engade. O libro contén tamén diversas pinceladas sobre a vida cotiá de Monforte a principios da década de 1950.

Unha obra que naceu dun soño

Despois de pasar por Monforte, José Porto García foi enviado a outros colexios de escolapios coa intención de que se formase como sacerdote da orde calasancia. No colexio monfortino non se ofrecía este tipo de formación. Pero aos 20 de idade abandonou a idea de dedicarse á carreira eclesiástica e emprendeu outros camiños, que o levarían a residir en Francia e Madrid, e a converterse nun reputado artista. Durante a súa vida trabou amizade —entre outras coñecidas personalidades— con Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor e o historiador Juan de Contreras y López de Ayala, marqués de Lozoya.

A idea de escribir un libro de memorias sobre a súa época de alumno en Monforte, segundo conta el mesmo na obra, xurdiu a finais do 2013, cando tivo un soño no que viu ao padre Santiago, o seu antigo profesor, tendéndolle un folio e un lapis. Porto, explica a súa sobriña, estaba interesado en publicar a obra, pero polos problemas de saúde que padeceu nos últimos anos non chegou a ver terminado o proxecto.

O libro, apunta por outro lado Martínez, foi escrito en galego non normativizado. «Deixamos o texto tal como estaba, sen normativizalo, porque así foi como o quixo escribir o autor», sinala. A publicación da obra coincide co 150 aniversario da chegada dos escolapios a Monforte.


Comentar