La Voz de Galicia

Paula Carrera, educadora social: «A nosa cooperativa ten a sede nunha aldea porque nos enfocamos no mundo rural»

Quiroga

francisco albo quiroga / la voz
Paula Carreira, unha das fundadoras da cooperativa Outonía, reside na aldea de Vieiros, no municipio de Quiroga

A asociación Outonía, recén galardoada pola axencia Agader, ten o seu domicilio na localidade de Vieiros, no municipio de Quiroga

21 Dec 2024. Actualizado a las 19:36 h.

A cooperativa de educadoras sociais Outonía —con domicilio social na localidade de Vieiros, no municipio de Quiroga— foi galardoada cun dos premios ao desenvolvemento rural da axencia Agader, na categoría de proxectos de interese social promovidos por mulleres. Unha das súas fundadoras é Paula Carrera Sotelino (Quiroga, 1987), que puxo en marcha a iniciativa xunto con Araceli Macías —natural e veciña do concello ourensán da Veiga— e Tania Sánchez, residente en Manzaneda. O pasado novembro incorporouse á cooperativa Branca Albán, veciña do municipio do Incio, que xa traballara durante un ano con esta entidade. A cooperativa tamén recibiu con anterioridade os premios Juana Heroica —da escola de emprendedoras Juana Millán, dependente do Ministerio de Igualdad—, Son Muller —da Asociación de Empresarias Lucenses— e o galardón ao compromiso coa igualdade no medio rural da Confederación de Federaciones y Asociaciones de Familias y Mujeres del Medio Rural.

—Por que teñen a sede da cooperativa en Vieiros?

—En realidade traballamos de forma descentralizada e cada unha ten a «oficina» na súa casa. O feito de ter establecido a sede social en Vieiros, onde vivo eu, é máis ben algo simbólico, porque este proxecto está enfocado sobre todo no mundo rural, máis concretamente nos territorios das montañas de Lugo e Ourense. Temos a oficina central en Vieiros, pero cada unha vive nun lugar diferente. Ademais, en aldeas de montaña como Vieiros tamén hai iniciativas de emprendemento interesantes e iso é algo que queremos resaltar.

—Cando puxeron en marcha este proxecto?

—A cooperativa fundouse en febreiro do 2021, pero comezou a xestarse dous anos antes. Cada unha de nós tiña o seu propio traballo, pero como todas traballabamos no mesmo terreo, na educación social, e tiñamos ideas parecidas, decidimos unirnos nun proxecto común.

—Que tipo de servizos ofrecen?

—A nosa actividade central é a prestación de servizos socioeducativos e a promoción de proxectos e iniciativas sociais, articuladas arredor de tres áreas: a educación non formal, a intervención comunitaria e a innovación e a investigación social. Traballamos moito en formación e sensibilización, en promoción da igualdade, en recuperación da memoria e dinamización comunitaria.... Tamén ofrecemos un servizo de consultoría para outras entidades en cuestións como a investigación social, o deseño de proxectos de carácter socioeducativo e asesoramento en estratexias pedagóxicas.

—Quen son os seus clientes?

—Traballamos para centros educativos, anpas, centros de información á muller, concellos, entidades sociais... E presentámonos tamén a convocatorias públicas relacionadas co traballo que facemos.

—Que proxectos concretos teñen agora en marcha?

—Agora estamos cun proxecto ambicioso que chamamos «Laboratorio mutante», unha iniciativa que comprende moitas actividades de carácter educativo, de recuperación da memoria local e de restauración de lazos sociais... Outro proxecto co que estamos, chamado «O rural imaxinado», consiste nunha serie de obradoiros para centros educativos dos territorios rurais financiado pola Deputación de Lugo no que traballamos aspectos como a autoestima e o sentido da pertenza. Tamén organizamos programas municipais de educación sexual, obradoiros de lecer alternativo, de empoderamento e autocoidado... Temos moita presenza nas redes sociais e utilizámolas para difundir todas as nosas actividades.

—Como valoran a súa traxectoria desde que fundaron a cooperativa?

—Estamos moi contentas e orgullosas de ter xestado este proxecto, pero ás veces tamén topamos con moitas dificultades. Os proxectos como o noso son peculiares e ás veces non se entende ben o que facemos. O noso labor é ás veces moi gratificante, pero ás veces tamén require un pouco de loita.

—A súa cooperativa é só para mulleres ou pensan incorporar tamén homes?

—Non é algo exclusivo para mulleres e a nosa filosofía é non esta pechadas, pero traballamos cunha perspectiva feminista. Non descartamos a posibilidade de incorporar a máis persoas, pero agora mesmo somos catro traballadoras e imos ver se isto é viable. Ademais, defendemos os proxectos pequenos, polo que non tería sentido chegar a converternos nunha macroempresa. Queremos seguir sendo un proxecto pequeno, pero estable. Gustaríanos tamén que a nosa experiencia sirva de exemplo para animar a outras persoas a iniciar proxectos pequenos no mundo rural.


Comentar