Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober: «Non temos censura no Facebook»
Sober

O alcalde de Sober, orgulloso dos 12.000 seguidores das redes sociais deste Concello
07 Apr 2025. Actualizado a las 19:45 h.
O Concello de Sober superou recentemente os 12.000 seguidores na súa conta oficial no Facebook. Sober non se conta entre os municipios máis poboados da Ribeira Sacra, pero supéraos en todos en seguidores nesta rede social. E no conxunto da provincia lucense só teñen máis Lugo capital e o concello costeiro de Foz, e neste último por moi pouca diferenza. O alcalde, Luis Fernández Guitián, está orgulloso da presenza de Sober nas redes sociais e defende a súa utilidade, tamén para o turismo, pero non só.
—Ter 12.000 seguidores nas redes sociais non é pouca cousa para un concello de pouco máis de 2.000 habitantes.
—Está moi ben, si. Moitos deses seguidores son claramente xente que naceu en Sober pero vive vive fóra, incluso en América ou Asia, ou xente vinculada a esta comarca. En calquera caso, as redes sociais do Concello de Sober funcionan moi ben. Son moi activas e iso trae consigo que teña máis seguidores. Somos ademais dos primeiros que as comezaron a usar. Estamos no Facebook, que é a máis antiga, pero tamén en X e en Instagram, e esta última ten un público máis novo.
—Hai alcaldes que teñen moito medo a recibir criticas nas redes sociais.
—Nós non temos censura, en absoluto. Admitimos todo tipo de críticas. Por exemplo, recentemente publicamos o cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi deste ano e hai a quen lle gusta e a quen non. Coméntano e non pasa nada. O Facebook xa nos ten servido en ocasións para que os veciños nos fagan chegar información antes de que no propio Concello nos enteremos. Información sobre problemas en sitios determinados, ou avisos de todo tipo que lle poden interesar a outros usuarios da conta.
—Vostedes nas súas redes dan tanto información turística como para os veciños.
—Iso é, non separamos as dúas cousas. E temos una nova versión da nosa páxina web que queremos sacar agora esta primavera. E estamos traballando tamén nunha páxina web propia para a Feira do Viño de Amandi, que neste 2025 cumpre 45 anos e para a que queremos pedir a declaración de festa turística nacional. Un dos requisitos que piden é que a festa en cuestión teñan un espazo propio en internet. Para nós, a dinamización turística é imprecindible. E está claro que nos últimos anos tanto as adegas, que son o noso principal recurso, como a olería, como as demais empresas locais relacionadas co turismo, o enoturismo ou a gastronomía deron un paso adiante importantísimo. Se as empresas se van actualizando o Concello tamén se ten que poñer ao día nos elementos que dependen directamente del.
—Máis alá de internet e as redes sociais, en que están traballando no ámbito da promoción turística?
—Temos aí unha nova fase nas prospeccións arqueolóxicas en Proendos, a apertura dunha ruta circular ao redor da fervenza de Portizó, melloras na contorna de toda a rede de miradoiros, que son o único espazo público de toda Galicia que ten o selo de calidade e o de sustentibilidade. E querémonos meter no turismo relixioso, porque se fixeron importantes melloras nas igrexas de Lobios e Pinol e no seu día en Cadeiras, e agora estamos estamos para mellorar a iluminaciin interior sobre todo nas igrexas de Pinol e Lobios.