Os libros foxen do mal tempo
Lugo
En directo | Os Bolechas, os que máis engaiolan aos cativos Con menos casetas que outros anos, a Feira de Lugo mantén o interese da xente que non perdeu o gusto polo arrecendo que deixa unha boa novela ou un poema certeiro
16 May 2007. Actualizado a las 07:00 h.
«Todo depende do tempo». Iso é alomenos o que din os libreiros das 10 casetas que participan na Feira do Libro, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e a Consellería de Cultura e Deporte mais o apoio do Concello de Lugo. Algún bo lector sorprenderase da relación do tempo coa lectura e hai que dicir que non lle faltará razón. Mentres uns libreiros amósanse moi satisfeitos, malia que a xornada do domingo foi de auga, outros din que como na maioría das feiras o número de vendas é cativo. Para Antonio Fernández, coordinador da Federación e director da Feira do Libro de Lugo a progresión nestes últimos días é mellor có primeiro, anque o afirma sen «triunfalismos». Nese sentido, di que a esta feira non lle favoreceu nin a campaña das municipais nin que cadrara no calendario coa celebración de Culturgal, en Pontevedra. Puido ser iso o que provocou que algúns libreiros que tiñan costume de vires á praza Maior, desta volta non o fixeran. Inda que outro dos motivos alegados por algún libreiro é o desembolso económico que hai que facer para montar o stand, que rolda os 500 euros. «Xa hai moito que vender para compensar a asistencia, pero xa non se fai por iso, senón por ética profesional, pois valoramos outras cousas», sinala Mónica Otero, dependenta de La Voz de la Verdad. E pon o dedo na chaga cando di que non hai que entender o libro coma calquera outro artigo, que «é cultura». Un dos que fixeron maior esforzo á hora de vender sabedoría e entretemento en Lugo é Gonzalo Pérez, propietario da librería viguesa Cartabón. Di que está a vender moi ben unha colección de autores europeos traducidos ao idioma galego. Un dos títulos é O condutor de autobús que quería ser Deus , do xudeu Etgar Keret. No obstante, son Os Bolechas (A Nosa Terra), os que acadan máis miradas infantís. Laura Ruiz, unha cativa de case 6 aniños, deixouse levar pola encadernación chamativa dun conto que falaba das fadas. A Laura gústalle tanto a televisión como os libros e malia a súa idade asegura que hai tempo para todo. A quen dende logo non lle sobra moito é ao polifacético Carlos Coira. Dende o caseta da súa librería, Trama, di que vendeu ben O soño da febre , de Miguel Anxo Murado e Benquerida catástrofe, de Teresa Moure, que asinará exemplares o sábado, xusto antes de que o faga Xoán R. Cuba e despois se celebre un recital de poesía no que participarán diversas almas líricas, entre outros Lupe Bao, Lois Diéguez e Luis Valle. O domingo, en troques, asinará libros María Reimóndez. Un Quixote con soleira Jorge, propietario da librería Brea, di que a estas alturas xa nada lle sorprende, nin tan sequera que un cliente lle preguntase por un tomo do Quijote de principios do século pasado. Máis preocupante é que outro lle viñera vendendo unha enciclopedia. Pola contra, como acontece sempre que falamos dos libros, aínda hai a quen o prezo lle parece excesivo. «¡Rebájeme un poco, eh!», exclamou unha señora que adquiriu o último libro de Karlos Arguiñano. Menos atrancos, ningún, amosou Javier Gómez, un xoven filólogo de Becerreá que non dubidou en mercar as Obras Completas de Santa Teresa de Jesús. «A Feira está ben pero boto de falta algunhas librerías de Lugo e outras de Santiago», saloucou. Malia esa mingua, que polo visto vense producindo en todas as cidades e cada ano máis, a que lle impida aos lucenses participar das actividades elevar un libro para a súa casa.