Alonso Montero abre esta tarde en Maxisterio o curso de primavera sobre dereitos humanos
Lugo
04 May 2009. Actualizado a las 02:00 h.
«Os dereitos humanos, unha ollada múltiple» é o título da quinta edición do curso de primavera que esta tarde se inaugura no campus lugués. Organizado pola Facultade de Humanidades, será este centro o que acolla as diferentes sesións a partires do martes, posto que a conferencia inaugural, prevista para as sete desta tarde, terá lugar no salón de actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. A intervención do catedrático Xesús Alonso Montero versará sobre «O problema dos dereitos humanos en dez cartas de republicanos galegos condenados a morte».
Como actividade paralela ao curso, durante toda a semana poderase ver en Humanidades a exposición El Quijote y los derechos humanos , composta por uns corenta cadros de Queralt Blanch. Entre as conferencias previstas ao longo dos vindeiros días figuran a do ex reitor da USC Darío Villanueva ou a do que fóra pai da Constitución Gregorio Peces Barba. Tamén intervirán representantes de organizacións coma Unicef e Amnistía Internacional. O curso rematará o venres cunha mesa redonda con varias historias reais sobre dereitos humanos.
Concerto de piano e órgano
Por outra banda, o Círculo das Artes acollerá ás oito e media desta tarde un novo concerto do ciclo Músicas a carón da Mosqueira. Teresa Sierra, ao piano, e Raúl Prieto, ao órgano, interpretarán pezas de Charles M. Widor, Denis Bédard, Jean Langlais, Vladimir Horowitz, Marcel Dupré e George Gershwin.
O peche deste ciclo musical do convenio Lugo Cultural protagonizarao a finais desta semana a Orquestra de Cámara Galega, da Fundación Rogelio Groba.