«Este ano foi unha fortuna para a Terra Chá»
Lugo
Xermolos rende unha novo homenaxe a Díaz Castro, falecido hai 24 anos
02 Oct 2014. Actualizado a las 23:19 h.
Unha homenaxe a Xosé María Díaz Castro en Guitiriz non é novidade. En primeiro lugar, o traballo da Asociación Cultural Xermolos (e nomeadamente o do seu coordenador, Alfonso Blanco) ten servido para espallar a figura do autor de Nimbos; en segundo, ao longo de este 2014, no que se cumpriron cen anos do nacemento do poeta e se lle dedicou o Día das Letras Galegas, non faltaron recoñecementos para o escritor. Hoxe, de novo, tivo lugar outro, sen a presenza de autoridades que si acudiron outras veces pero coa ledicia de lembrar estes meses recentes e de pensar que nos vindeiros se ha seguir nesa mesma liña.
Ao cumprírense 24 anos da morte do poeta, que faleceu en Guitiriz tras volver ao concello de orixe para pasar os derradeiros anos da súa vida, Xermolos organizou un acto no cemiterio no que as flores e os versos foron acompañados doutras palabras. Blanco sinalou que a elección do poeta como protagonista do Día das Letras Galegas tivo un eco que foi máis alá do mundo académico: «Este ano foi unha fortuna para a nosa comarca», dixo Blanco.
A pegada de Díaz Castro non se nota só en Guitiriz, senón que por todo Galicia aínda se celebran lembranzas e homenaxes ás que non é allea a intervención de Xermolos. Por exemplo, en Vilagarcía teñen lugar estes días unhas xornadas nas que se proxectará o documental O instante eterno, dirixido polo guitiricense Xosé Antón Cascudo, e haberá cadansúa intervención de Blanco e do grupo A Quenlla, que presentará o traballo Desorballando outonos, baseado en poemas de Díaz Castro.
Asemade Xermolos vén de promover a campaña "Letras sempre. De Díaz Castro a Manuel María e ás e aos escritores de cada comarca" para lembrar figuras da cultura galega. «Neste día prometemos que esta lumeirada que encendiches en nós se contaxie por todo o país», proclamou Blanco no cemiterio.