Tórdea, un pequeno museo
Lugo
A igrexa agocha pezas do seu pasado prerrománico, románico e barroco
02 Jan 2015. Actualizado a las 07:16 h.
Moi preto de Lugo, na parroquia de Tórdea, en Castroverde, atópase un pequeno museo pouco coñecido polos lucenses e os amantes do patrimonio. Trátase da igrexa de San Tomé de Tórdea, onde se poden observar tres estilos arquitectónicos: prerrománico, románico e barroco. A súa orixe pode situarse arredor do século VIII, sufrindo distintas restauracións entre os séculos X e XVI.
Dos primeiros tempos sería o anaco dunha lápida funeraria cristiá atopada hai anos por un veciño cando araba unha leira da súa propiedade, nun terreo próximo ao templo, e na que, traducida do latín, se le: «O servo de Deus, Licinio, morreu na era octoséxima trixésima segunda» (corresponde ao ano 794); na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo.
Nos muros exteriores chaman a atención os materiais reempregados correspondentes ás épocas prerrománica e románica. Prerrománica é unha ventá lobulada na fachada leste do presbiterio, e prerrománicas e románicas son varias pedras decoradas con motivos xeométricos e unha inscrición incrustadas nas paredes.
Para o sacerdote e eminente arqueólogo don Jaime Delgado Gómez, autor entre outras obras de El románico de Lugo y su provincia (1996-2001), o fragmento dunha ménsula cunha espiral, remate de círculos decorado cun círculo inciso concéntrico, en cuxos exteriores se gravaron unha cruz con dous trazos, serían os restos dun friso visigótico. Nunha casa próxima tamén hai unha pedra decorada, reempregada nun muro, que pertenceu á primitiva igrexa.
Riqueza no interior
O interior tamén merece unha detida visita, salientando o tímpano lobulado triangular que podería corresponder á antiga fábrica e as interesantes pinturas murais, posiblemente de arredor do ano 1500, que adornan a ábsida e que representan escenas dos Evanxeos. O presbiterio ten un gran arco triunfal de medio punto en cuxo intradós dunha das doelas hai unha inscrición coa data de 1719 que nos fala da reedificación do conxunto. O retábulo principal é do século XVI. Tamén conserva unha pía bautismal con dúas cruces de Malta e a data de 1511.
Pero, ademais do anterior, a igrexa e os arredores resérvannos outras sorpresas. Para facer o muro que pecha o adro reaproveitáronse as tampas funerarias dos sepulcros que en tempos estaban a ras do chan. E volvendo ao interior da igrexa, na capela absidal, detrás do altar, hai dous fragmentos dun miliario romano (descoñécese cando foi partido) situados a ambos os lados do Sagrario moderno que pousa sobre unha antiga columna románica. Ata non hai moito, no adro había outro anaco dun miliario que na actualidade levaron xunto unha árbore próxima, e alí se atopa tirado. Nunha casa da aldea hai outro miliario.
Preto da igrexa consérvase un tramo da vía romana XIX que comunicaba Lugo con Astorga.
A igrexa abre todos os domingos pouco antes das 10,30 (hora da misa). O párroco, persoa amante do patrimonio e artífice de que o conxunto se conserve nun óptimo estado, sempre está á disposición de todo aquel que llo requira.
De entre o inxente patrimonio relixioso da provincia de Lugo resúltame moi difícil poder escoller un que chame especialmente a atención do visitante, pero, se tivera que elixir, este de Tórdea, xunto co de Temes, en Carballedo, ocuparían os primeiros lugares.
Sigo a pensar que é unha auténtica mágoa que os monumentos que inzan as nosas aldeas continúen a ser os grandes descoñecidos.
Contén interesantes pinturas murais, posiblemente de arredor do 1500
Preto do templo consérvase un tramo da vía romana XIX, Lugo-Astorga