La Voz de Galicia

Vergoña

Lugo

Xulio Xiz

27 Oct 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos, Gallego Tato visitou o cárcere por escribir que ao querer que o seu fillo fose funcionario ía procurar metelo na Policía ou Garda Civil, xa que así tiña garantida unha cómoda praza de oficinista. O comentario respondía á legalidade que establecía que policías e gardas podían pasar co tempo a «destinos civís», en oficinas administrativas. Como daquela a liberdade informativa empezaba nos Pirineos, o comentario puido costarlle un disgusto ao periodista lucense.

Agora, si, pódese escribir que se un quere traballo para un fillo debe apuntalo a un partido político xa que, se sube abondo na escala partidaria -e quizais aída que non suba-, terá garantido un posto ben remunerado.

A escala nacional, sábese que Yolanda Barcina é Conselleira nunha empresa de Telefónica; Ángel Acebes, en Iberdrola; Elena Espinosa, Vicepresidenta de Rodman Polyships; Josu Jon Imaz, Conselleiro Delegado de Repsol, ou José María Aznar, Asesor en Endesa.

Será legal, pero é unha vergoña este agradecer servizos prestados ou a apertura de camiños para sortear escollos na Administración. E iso só unha mostra; a parte máis visible dun iceberg que asoma nas augas, que baixan turbias, difíciles de pescudar.

E logo hai quen se extraña de que os cidadáns esteamos cansados; de que o exercizo da política non é estimado como cando todo empezou ao comezo da democracia? Daquela un Presidente do Goberno podía ter un 850, un alcalde perder diñeiro coa Alcaldía e un diputado vivir nunha pensión? Como todo cambiou tanto, non se nos pode pedir que, por riba, digamos que estamos moi contentos por como van as cousas.


Comentar