O bimilenario, a arqueoloxía e o ducado de Lugo
Lugo
12 Dec 2016. Actualizado a las 10:28 h.
O estudo do pasado romano da cidade tivo o seu prólogo coa celebración do Bimilenario que deu ocasión para que nun congreso internacional se falase e se discutise desa época en ocasións con vehemencia, como Blanco Freijeiro e Patric Lerroux a propósito da interpretación do epígrafe do liberto Saturnino que acababa de aparecer na restauración da Porta de San Pedro.
A chegada nese momento de Felipe Arias Vilas ao Museo Provincial, e despois por accidente ao Castro de Viladonga, propiciou a chegada de rapaces universitarios especialistas en Historia Antiga, que desenvolveron diversas liñas de investigación.
Pero o gran impulso viría a partir de 1986, con motivo das escavacións arqueolóxicas que se fixeron con motivo da construción de tres aparcamentos, dirixidas por Antonio Rodríguez Colmenero, daquela profesor na Universidade de Oviedo, co seu equipo chamado Grupo Larouco, que escavara o campamento romano de Aquis Querquennis en Portoquintela, Bande (Ourense).
O bimilenario
O final do réxime de Franco, coincidiu coa celebración dos bimilenarios de varias cidades españolas de orixe romana como Zaragoza, Mérida, e Segovia. Lugo tamén decidiu celebrar o seu, equivocadamente, ao crer que a cidade se fundara no ano 25 a. de C. Aquel acontecemento, que se iniciou xusto coa morte de Franco no medio da incerteza política, constituíu un bo principio, desde o punto de vista cultural e de promoción da cidade, da etapa seguinte.
Ata nos tocou o Gordo da Lotería o 22 de decembro de 1976 no número 49.764, vendido na administración de loterías que estaba en fronte do monumento ao Bimilenario. Aínda non fora substituída a aguia das ás pechadas, O Pombo, que agora esta no primeiro bancal das Costas do Parque. O 25 de outubro de 1980, quinto aniversario do Bimilenario e xa coa nova aguia colocada no monumento, o número 52.868, vendido tamén noutra administración de Santo Domingo, foi agraciado co segundo premio. Ao día seguinte tocou unha quiniela de 208 millóns de pesetas que naquel tempo foi un récord. Os supersticiosos quixéronlle dar ao primeiro paxaro uns poderes dos que carece o actual.
A arqueoloxía
Outro dos cambios que podemos considerar moi importantes foi o avance no coñecemento da historia romana da cidade e a musealización de achados arqueolóxicos. Grazas ás escavacións hoxe sabemos que Lugo se fundou entre os anos 15 e o 13 a. de C. polo legado de Augusto Paulo Fabio Máximo. Desgraciadamente as escavacións arqueolóxicas obrigatorias non foi por iniciativa cidadá e municipal, senón motivadas pola construción en 1986 dos aparcamentos subterráneos das prazas de Ferrol, Santo Domingo e da Constitución. Os coches empezaran a invadilo todo e a Praza de Santa María converterase nun enorme e antiestético aparcamento.
A Consellería de Cultura paralizou os traballos, e á vista dos resultados obrigou a realizar escavacións en área, que non quixeron facer os arqueólogos galegos, tendo que vir de Oviedo o equipo de Antonio Rodríguez Colmenero, que despois se asentaron aquí na súa maior parte. O alcalde Vicente Quiroga fixo vir de Italia ao arqueólogo paleocristián Roberti Mirabella coa esperanza de que dixese que o que había aquí non tiña importancia comparándoo co que había en Roma, pero o seu ditame foi que era importante. E así comezou a actividade arqueolóxica.
Isto deu lugar a que a Consellería de Cultura sacase unha normativa obrigando a facer escavacións previas a calquera obra dentro do recinto amurallado e nunha área fóra do seu perímetro, o que despois foi recollido no PEPRI. Ao mesmo tempo o presidente da Deputación, que era un señor ao que lle deixaban mandar moito, decidiu facer dous aparcamentos subterráneos saltándose a norma, o que provocou un enfrontamento co delegado da Consellería de Cultura que era eu. Logo de esnaquizar o xacemento dun dos patios, escavouse o outro saíndo un forno de oleiro, que debe estar perdido nalgún almacén, e por riba foi o único que conseguiu que lle dera unha subvención a Cultura.
Os centros arqueolóxicos
No antigo cárcere montamos a primeira exposición arqueolóxica, que contabilizou máis de quince mil visitas, cunha finalidade didáctica, dar a coñecer ao público a importancia dos achados, como os mosaicos da casa de Galión o Vello da rúa de Armañá, que despois quedaron alí durante anos e cando os foron a recuperar para trasladalos ao Museo Provincial, estaban practicamente perdidos.
Ao mesmo tempo intentouse rehabilitar o cárcere para un centro arqueolóxico, destinando a Consellería de Cultura 50.000.000 de pesetas nos orzamentos de dous anos consecutivos para o inicio das obras. Pero foi boicoteado polos alcaldes do PP do partido xudicial que eran copropietarios, seguindo as indicacións daquel presidente citado máis arriba. O alcalde López Orozco tivo que recorrer á expropiación forzosa, nalgún destes casos, para conseguir toda a propiedade e hoxe está a piques de rematar a súa recuperación para destinalo a un complexo cultural.
Seguiron despois os importantes achados da necrópole de San Roque, coa musealización realizada pola Xunta, que se inaugurou no 2006. Tardouse trece anos en abrilo debido a que se fixo nun edificio construído sen licenza, que houbo que legalizar, por estar fóra de ordenación.
Outros centros arqueolóxicos que foron xurdindo son a Domus dos Mosaicos da rúa do Doutor Castro, adquirido o baixo polo Concello; a Domus e o Mitreo, a cargo da Universidade de Santiago, Xunta e Concello; a basílica do Círculo das Artes, realizada pola Xunta e a citada sociedade; as fiestras arqueolóxicas da Porta Nova, Praza de Santa María, San Marcos e do Doutor Castro feitas polo Concello e as intervencións nas Termas feitas pola Xunta e polo propietario do Balneario Antonio Garaloces.
O edificio que foi matadoiro ata o 5 de xullo de 1988, en que entrou en funcionamento o construído en Nadela, rehabilitouse como sala de exposicións co nome de Sala Porta Miñá, recuperado para este fin no mandato de Vicente Quiroga, e alí se montou unha parte do que estivera exposto no Cárcere.
No ano 2000 con motivo das actividades para conseguir a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, instalouse a exposición Imago Antiga, Lugo Romano, que quedou como exposición permanente para cubrir en parte a falta do Centro da Romanización da cidade, que foi recentemente renovada e complementada con material audiovisual.
Duquesa e o seu primoxénito
Con motivo da voda da Infanta de España, Elena de Borbón e Grecia, con Jaime de Marichalar e Sáenz de Tejada, celebrada en Sevilla o 18 de marzo de 1995, á que asistiu o alcalde Tomás Notario Vacas e a súa esposa, o rei don Juan Carlos I concedeu a súa primoxénita o título de Duquesa de Lugo, e desde entón o nome da cidade e do seu patrón san Froilán foi propagado dun xeito especial. Os duques e os seus fillos visitaron a cidade en varias ocasións, aínda que agora se interromperon as visitas debido á suspensión temporal da convivencia, seguindo o eufemismo utilizado pola Casa Real.
Cando os reis anunciaron o 29 de xaneiro de 1998, que a infanta Elena esperaba ao seu primeiro fillo, o Concello enviou un telegrama de felicitación á Casa Real e o alcalde, Joaquín García Díez, suxeriu que lle puxesen Froilán se era neno. O primeiro neto dos reis naceu o 17 de xullo, e puxéronlle os nomes de Felipe polo seu tío o príncipe de Asturias; Juan polo seu bisavó e Froilán, por ser a súa nai duquesa de Lugo.
En agradecemento por este xesto o 17 de xullo do ano 1999, Felipe Juan Froilán de Todos os Santos, recibiu o título de fillo adoptivo da cidade de Lugo. Na súa visita á catedral lucense, fixeron unha ofrenda á Virxe dos Ollos Grandes, como no século XII o fixera a raíña dona Urraca co seu fillo o futuro Afonso VII, e regalaron unha réplica da concha de bautizar e da pía bautismal que leva no pé a inscrición coa ofrenda.
memoria de lugo OS 50 ANOS DA VOZ DE GALICIA EN LUGO
Lugo decidiu celebrar equivocadamente o seu bimilenario ao crer que se fundara o 25 a.de C.
As excavacións arqueolóxicas demostraron que Lugo fundouse entre os anos 15 e 13 de a.de C.
Joaquín García Díez suxeriu aos duques de Lugo que lle puxeran Froilán ao seu primoxénito