A Real Academia Galega loa a Manuel María como «activista da verdade»
Lugo
Homenaxe a Manuel María en Outeiro de Rei
O poeta foi homenaxeado en Outeiro de Rei como exemplo de «transcendencia»
18 May 2016. Actualizado a las 16:54 h.
Se houbo «un escritor polifacético» na Galicia do século XX, esa definición correspóndelle a Manuel María. Díxoo en Outeiro de Rei, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, ao describir a figura elixida para a festa do 17 de maio. Nas intervencións que se desenvolveron na lembranza do autor de Terra Chá, non faltaron mencións ás moitas facianas que compuxeron a súa biografía, aínda que todos, mesmo os que se moven en coordenadas ideolóxicas distintas, recoñeceron a súa contribución á cultura galega. Manuel Rivas loouno de xeito claro: «Foi un activista da verdade», dixo del o autor de Un millón de vacas, mesmo nos tempos nos que a verdade tiña que estar agachada na clandestinidade ou no exilio.
No poeta chairego, engadiu, houbo unha «procura valente da verdade», e se cadra esa procura acadou un bo premio: a «transcendencia» de Manuel María, recoñeceu Alonso Montero, «non ten par» na literatura galega, pois ninguén conseguiu ser memorizado por escolares, recitado ou musicado en tan alta medida coma el.
Faladoiros
Pero se Manuel María foi máis alá ca ninguén -Alonso Montero lembrou que ese era o significado da transcendencia-, pódese dicir que conquistou amplos horizontes movéndose en traxectos curtos. Doméstico e case familiar era o ambiente da tertulia do Méndez Núñez en Lugo, na que compartiu, sendo novo, conversas con Ánxel Fole, entre outros.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, describiu a Manuel María como «home de amigos», tecedor dunha «rede social» -non só en Lugo, senón tamén en Santiago, en Monforte ou na Coruña-. E subliñando canto había de político, entre outros moitos compromisos, en Manuel María, Margarita Ledo Andión -que lembrou o seu coñecemento do escritor como momento clave no agromar da súa conciencia cívica-, afirmou que o poeta tiña «degoiro pola conversa».
Intérprete do espírito
Porén, o Manuel María que gustaba da conversa e dos faladoiros foi, da mocidade á madurez, un poeta que cambiou de inquietudes e de estilos sen perder o compás. Darío Xoán Cabana, que comezou lembrando ao «amigo» e ao «padriño poético», para rematar a súa intervención moi emocionado, subliñou que Morrendo a cada intre (1952) era un libro «brutal, alucinado» e que Advento (1954) se podía colocar ao nivel de obras como De catro a catro -de Manuel Antonio-, Herba aquí ou acolá -de Álvaro Cunqueiro-, Nimbos -de Díaz Castro- ou Con pólvora e magnolias -de Méndez Ferrín-.
Logo chegaron anos de compromiso político más evidente e obras que reflectiron claramente esa tendencia, pero o resultado final resultou brillante: Manuel María, dixo Darío Xoán Cabana, «interpretou como ninguén o espírito do pobo» e «foi o maior animal poético» da literatura galega.
Un escritor que xa está traducido ao bengalí e que mesmo foi cantado por académicos
O Manuel María ao que se lle atribúe un coñecemento da Terra Chá que chega ata os camiños e as corredoiras foi tamén un notable viaxeiro, sobre todo nas derradeiras décadas da súa vida, cando el e a súa dona vivían na Coruña. Pero se o poeta experimentaba satisfacción coñecendo outros países e outras xentes, tamén a súa obra chega a lugares moi afastados. Que poemas de Manuel María se lean hoxe en bengalí non é unha novidade, pois cinco textos seus vertéronse a esa lingua por iniciativa de Anik Nandi.
O tradutor, sociolingüista de 34 anos, está a pasar unha estadía en Santiago, onde xa viviu entre o 2008 e o 2012. Traballa no Instituto da Lingua Galega baixo a coordinación do profesor Henrique Monteagudo, e onte desprazouse a Outeiro de Rei. Confesou que lle gustaba Manuel María porque, entre outros aspectos, procede dunha sociedade rural e nos textos do autor chairego pódese recoñecer ese mundo.
A condición de Manuel María como poeta coñecido e recoñecido quedou ben clara ao comezo da sesión da Real Academia Galega, que se desenvolveu nunha carpa colocada no xardín da casa-museo dedicada ao poeta, sede tamén da fundación que leva o seu nome. Antes das intervencións, tres músicos interpretaron cancións cuxa letra corresponde a versos de Manuel María.
Académicos como Andrés Torres Queiruga, Darío Xoán Cabana, Margarita Ledo, Rosario Álvarez ou Henrique Monteagudo cantaron O carro, igual que moitos dos asistentes, e mentres uns e outros entoaban que «Non hai canto tan fermoso, / fino como un asubío», Xesús Alonso Montero ía marcando o compás e batendo coa man na mesa.
Foron contrastes dunha xornada de festa, pois o de onte non era realmente o Día das Letras Galegas senón, como dixo Alonso Montero, «San 17 de maio».